- Transcorrido un ano desde a súa instauración, o balance dos entes locais é moi positivo, destacando o interese da veciñanza na autoxestión da materia orgánica e as vantaxes ambientais e económicas desta iniciativa
- Preto dun cento de familias formaron parte deste proxecto, recuperando unha práctica tradicional no rural galego, pero coa vantaxe engadida de contar coa axuda do composteiro, que fai o proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente
Cerceda, 5 de novembro de 2025.- Transcorrido un ano desde a implantación do programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama nos tres concellos que conforman a Mancomunidade de Verín (Ourense), isto é, Monterrei, Cualedro e Laza, o balance do mesmo é moi positivo, destacando a excelente acollida por parte da cidadanía e o seu interese na autoxestión da materia orgánica.
Os pormenores desta iniciativa foron divulgados no seu momento polos entes locais nas súas páxinas web, redes sociais e bandos colocados en aldeas e parroquias. A partir de entón, organizáronse encontros veciñais nos que se explicaron os pormenores do programa, así como a necesidade de separar correctamente a materia orgánica, dados os seus beneficios ambientais e económicos, ademais de resolver todas as dúbidas.
Seguimento e control
Nas propias xuntanzas tomouse nota das solicitudes para formar parte do proxecto, debendo os interesados indicar se habitaban en vivendas unifamiliares, se dispoñían de terreo no que aplicar o compost resultante (xardín, horta e/ou terras de cultivo) e se autorizaban o seguimento do proceso por parte dos técnicos. As solicitudes tamén se canalizaron a través das propias Casas Consistoriais e, nalgúns casos, nas oficinas de Protección Civil e GES. A colaboración veciñal foi máxima en todo momento.
As visitas periódicas realizadas ás vivendas participantes tiñan por obxecto asesorar ás familias sobre o proceso de autocompostaxe, montaxe e localización do recipiente (que debe colocarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores), detalle da relación de residuos que poden, e non poden, depositarse no mesmo, e control de parámetros tales coma o osíxeno, a humidade e a temperatura.
Beneficios
Dado que a materia orgánica representa, na composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, en torno ao 37-40%, se esta fracción se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor da rúa, minorando a cantidade de residuos enviados a Sogama para o seu tratamento final.
Desde o punto de vista ambiental, destacar que, polo xeral, o compost obtido é de moi boa calidade, constituíndo un abono natural con excelentes propiedades para as plantas e cultivos, aos que achega nutrientes, mellora a súa capacidade de retención da humidade e mesmo os protexe fronte a pragas e enfermidades.
90 vivendas incorporadas
Un total de 90 familias de Monterrei, Cualedro e Laza, ás que se entregaron outros tantos composteiros subministrados por Sogama, formaron parte do proxecto desenvolvido neste último ano, manifestando a súa alta satisfacción coa recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración do compost, pero coa vantaxe engadida de contar coa axuda do composteiro (con capacidade para 400 litros), que fai o proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación