
- No primeiro día oficial da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, o Director Xeral da FAO indicou que os mozos deben impulsar a transformación necesaria para que os alimentos acuáticos poidan nutrir a unha poboación mundial que, segundo se proxecta, crecerá en miles de millóns
Cerceda, a 16 de xuño de 2025.- No primeiro día oficial da Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, o Director Xeral da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), QU Dongyu, manifestou que os mozos deben impulsar a transformación necesaria para que os alimentos acuáticos poidan nutrir a unha poboación mundial que, segundo se proxecta, crecerá en miles de millóns.
Baixo o título “Do legado ao liderado: solucións lideradas por mozos para a sostibilidade dos océanos”, o evento, que tivo lugar en Niza, conmemoraba o 80º aniversario da FAO e fíxoo a bordo do histórico buque escola noruegués Statsraad Lehmkuhl, contando coa participación de mozos líderes dos sectores pesqueiro e acuícola.
O Director Xeral salientou que, para que se produza unha verdadeira transformación, é necesario que os mozos, non só sexan incluídos, senón tamén empoderados: non só como observadores, senón como líderes, creadores e innovadores, que non só formen parte da transformación, senón que a impulsen.
80 anos despois da creación da FAO, o mundo pronto se enfrontará á necesidade de alimentar a 10 mil millóns de persoas, utilizando sabiamente os seus recursos naturais e sendo a xuventude esencial para atopar novas solucións.
De cara ao futuro, proxéctase que a poboación acade os 9.700 millóns de persoas para 2050, o que aumentará a demanda de alimentos de alta calidade, incluídos os acuáticos.
Dada a urxente necesidade de investimento e transformación dos sistemas alimentarios para satisfacer estas demandas, a axenda de Transformación Azul da FAO ten un papel crave que desempeñar impulsando a acuicultura sostible en rexións con inseguridade alimentaria, xestionando a pesca de maneira eficaz con enfoques baseados nos ecosistemas e mellorando as cadeas de valor para reducir as perdas de alimentos e facilitar o acceso dos produtores aos mercados.
Ao peche do evento, organizado en colaboración con Noruega e a Alianza para un Océano Sostible, presentouse un borrador de declaración, liderado por mozos, que detalla propostas e recomendacións concretas para fortalecer o liderado xuvenil e a innovación na economía azul. A declaración difundirase globalmente, promovendo a colaboración entre redes xuvenís de todo o mundo.
Fonte e imaxe: FAO