- Un estudo realizado en América do Norte sinala que entre o 30% e o 50% dos teléfonos que deixan de utilizarse por primeira vez non entran de forma fiable en circuítos de reutilización, reparación, reacondicionamiento ou reciclaxe
- A Fundación lembra que estes dispositivos conteñen cobalto, litio, terras raras e outros metais de alto valor, materiais considerados estratéxicos para sectores coma os vehículos eléctricos, as infraestruturas de rede e a electrónica avanzada
Cerceda, 12 de novembro de 2026.- Os teléfonos móbiles en desuso poderían converterse nunha fonte relevante de minerais críticos. Así o indica un novo estudo da Fundación Ellen MacArthur, no que se estima que a circularidade aplicada a estes dispositivos permitiría recuperar, só en América do Norte, alomenos 2.200 millóns de dólares en minerais críticos de aquí a 2040, á vez que reduciría os residuos electrónicos e a dependencia de novas materias primas extraídas.
O informe, elaborado co apoio da Comisión para a Cooperación Ambiental (CEC), analiza o percorrido dos teléfonos móbiles nos Estados Unidos, Canadá e México -aínda que as súas conclusións ben poderían aplicarse a outras rexións-, desde o seu deseño e primeiro uso ata as distintas vías de reutilización, recollida e tratamento ao final da súa vida útil.
O estudo pon o foco en como manter durante máis tempo o valor económico e material dos dispositivos. Para isto, propón actuar ao longo de todo o seu ciclo de vida mediante un deseño que facilite a reparación e a separación de compoñentes, unha maior duración dos equipos, sistemas de recollida máis eficaces, reutilización, reacondicionamento, revenda e, finalmente, recuperación de materiais.
Fóra do circuíto
Entre o 50% e o 70% dos teléfonos que saen do seu primeiro uso en América do Norte acceden xa a unha segunda vida, principalmente mediante a entrega a outros usuarios, a reparación, o reacondicionamento ou a revenda.
Con todo, a porcentaxe restante segue a representar un volume considerable. Segundo o estudo, entre o 30% e o 50% dos dispositivos non se recuperan de forma fiable para estes circuítos.
A análise, desenvolvida con modelos de fluxos de materiais de RTI International e consultas a máis de 90 organizacións dos tres países (Estados Unidos, Canadá e México), identifica perdas de valor en diferentes etapas da vida dos dispositivos. Entre elas figuran as limitacións derivadas do deseño e do software, as dificultades para recuperar os teléfonos unha vez que deixan de utilizarse e a capacidade dispoñible para procesar e refinar os materiais recuperados.
Un tesouro de materias primas e unha oportunidade industrial
Os teléfonos móbiles conteñen cobalto, litio, terras raras e outros metais de alto valor, materiais considerados estratéxicos para sectores coma os vehículos eléctricos, as infraestruturas de rede e a electrónica avanzada.
Por isto, manter estes materiais dentro dos circuítos produtivos pode contribuír a reducir a necesidade de recorrer a novas extraccións. Cando os dispositivos que poderían reutilizarse, repararse, reacondicionarse ou reciclarse refúganse ou saen da rexión, sinala o informe, pérdese parte dese valor e aumenta a presión sobre as materias primas virxes.
A circularidade dos teléfonos móbiles tamén presenta, segundo o informe, unha oportunidade para as empresas da cadea de valor. A recuperación e reutilización de materiais pode reducir a exposición á volatilidade dos prezos das materias primas e, ao mesmo tempo, favorecer modelos de negocio baseados na reparación, o reacondicionamiento, a recompra de dispositivos ou os servizos asociados ao seu uso.
Para o sector da xestión de residuos e a economía circular, o caso dos teléfonos móbiles pon de manifesto unha cuestión máis ampla: unha parte importante das materias primas necesarias para a transición enerxética e dixital xa está integrada en produtos que se atopan en circulación ou almacenados. Mellorar a súa recuperación e mantelos en uso durante máis tempo pode converterse nunha vía complementaria á extracción de novos recursos.
Fonte: Residuos Profesional