- Axuda ás entidades a ir máis aló das iniciativas illadas de redución de residuos e adoptar un enfoque sistemático que priorice a prevención, a eficiencia operativa e a mellora continua
- Os beneficios que reporta a norma ISO 20001 abarcan distintos eidos: desde a redución de custos innecesarios e a mellora da eficiencia dos recursos, ata a medición do progreso e o apoio aos obxectivos de sostibilidade
Cerceda, 4 de novembro de 2026.- A perda e o desperdicio de alimentos xeran importantes desafíos económicos, sociais e ambientais. Cando se perden ou desperdician alimentos, tamén se desperdician os recursos utilizados para producilos, procesalos e transportalos.
Neste marco, a Organización Internacional de Normalización (ISO) publicou la ISO 20001:2026, unha nova norma internacional que axuda ás organizacións a ir máis aló das iniciativas illadas de redución de residuos e adoptar un enfoque sistemático que priorice a prevención e a eficiencia operativa, e fomente a mellora continua en todas as súas operacións e cadeas de subministración.
O sistema permite identificar os puntos da actividade nos que se xeran perdas ou desperdicio de alimentos, establecer medidas de control e realizar un seguimento da súa evolución, á vez que propicia que as organizacións incorporen elementos desenvolvidos externamente dentro dos seus propios sistemas de xestión; unha posibilidade que ISO contempla expresamente para entidades de diferentes dimensións, incluídas pequenas explotacións agrícolas, distribuidores, establecementos minoristas e empresas de servizos alimentarios.
Un dos elementos centrais da ISO 20001 é a necesidade de establecer mecanismos para cuantificar, medir, supervisar, documentar e comunicar as perdas e o desperdicio alimentario. O obxectivo é dispoñer de información que permita coñecer onde se producen as perdas, avaliar as medidas aplicadas e realizar melloras continuas. Así mesmo, tamén contempla a colaboración coas diferentes partes implicadas na cadea alimentaria para contribuír a reducir o desperdicio máis aló das operacións directas dunha organización.
En consecuencia, esta norma tamén contribúe ás ambicións do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 12.3 da ONU, que busca reducir á metade o desperdicio de alimentos per cápita nos niveis minorista e de consumo, e reducir as perdas ao longo das cadeas de produción e subministración para 2030.
Así, os beneficios que reporta esta norma abarcan distintos ámbitos: desde a redución de custos innecesarios e a maior eficiencia dos recursos, ata a medición do progreso, o apoio aos obxectivos de sostibilidade e a mellora da colaboración na cadea de subministración.
Fonte: ISO