- O presidente de Sogama entregou un accésit á firma Little Electric Car España, en recoñecemento á súa contribución á mobilidade eléctrica e á redución de emisións asociadas ao transporte
- O premio na categoría de “Empresa” recaeu en CITIC HIC Gándara Censa S.A.U, e na de “Entidades Privadas”, á Asociación Galega de Cooperativas Agrarias – AGACA
- O colexio Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas de Ourense fíxose co galardón na categoría de “Centros Educativos”, e CEAMSA co recoñecemento á “Excelencia Ambiental”
Cerceda, 1 de decembro de 2025.- En días pasados, a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) acolleu o acto de entrega dos Premios Medio Ambiente APROEMA 2025, que alcanzou a súa VII edición, contando coa asistencia e participación de responsables de distintas entidades, tanto públicas como privadas, entre os que se atopaba o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.
Premios
Na convocatoria deste ano contempláronse tres galardóns principais, dous accésits e o Recoñecemento á Excelencia Ambiental.
Na Categoría de “Centros Educativos”, o premio foi para o proxecto “ECOVIXIANTES DE FRANCISCANAS” do Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense, unha iniciativa de educación ambiental que, desde hai 27 anos, fomenta entre o alumnado e a comunidade hábitos responsables coa contorna mediante o voluntariado e a metodoloxía de aprendizaxe-servizo.
Na Categoría de “Empresa”, o premio recaeu en CITIC HIC Gándara Censa S.A.U, polo seu proxecto ECOREUSA CITIC CENSA, de mellora continua e xestión sostible, articulado a través de comités internos que promoven a reutilización e a reciclaxe de materiais, a implantación de boas prácticas de descarbonización e a redución significativa de residuos, produtos químicos, consumibles e consumo de auga.
Nesta mesma categoría concedeuse un accésit a Little Electric Car España, en recoñecemento á súa contribución á mobilidade eléctrica e á redución de emisións asociadas ao transporte, así como ao seu esforzo por achegar solucións de mobilidade sostible ao tecido empresarial e ás contornas urbanas e industriais.
O galardón foi entregado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez.
Na Categoría de “Entidades Privadas”, o premio outorgouse ao proxecto “SOSTIBILIDADE NO COOPERATIVISMO AGROALIMENTARIO GALEGO”, presentado pola Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agrarias – AGACA.
O xurado valorou especialmente unha traxectoria de máis de tres décadas acompañando ás cooperativas agrarias e gandeiras de Galicia na mellora da súa sostibilidade ambiental, social e económica.
Nesta categoría outorgouse un accésit ao proxecto “Movilidade Celeste: Unha viaxe sostible de ida e volta” do Real Club Celta de Vigo, que demostra como o deporte pode ser un aliado estratéxico da mobilidade sostible. A iniciativa promove o uso do transporte público e de lanzadeiras nos días de partido para reducir o tráfico na contorna do Estadio Abanca Balaídos, mellorar a accesibilidade e avanzar cara a unha mobilidade máis limpa.
O acto concluíu o capítulo de galardóns co “Recoñecemento á Excelencia Ambiental”, outorgado por decisión da Xunta Directiva de APROEMA a CEAMSA, en atención a unha traxectoria marcada pola integración da sostibilidade en toda a cadea de valor: desde a eficiencia enerxética e o uso responsable de recursos ata a redución e valorización de residuos, a implantación de solucións de economía circular e o investimento en tecnoloxías máis limpas.
Fonte e imaxe: APROEMA