
- O obxectivo da entidade é que a cidadanía realice unha correcta selección en orixe da materia orgánica para a súa posterior transformación nun abono natural de calidade
- A través dos composteiros domésticos ou dos contedores marróns (en proceso de implantación por parte dos municipios), a poboación ten a oportunidade de poñer en valor a fracción maioritaria de lixo xerado no fogar e contribuír ao aforro ambiental e económico
Cerceda, 29 de setembro de 2025.- Durante o primeiro semestre do ano en curso, máis de 1.300 veciños de distintos concellos das catro provincias galegas recibiron formación en compostaxe, tanto doméstica como industrial, a cargo de técnicos de Sogama.
As charlas impartidas por esta Sociedade pública orientáronse en todo momento a poñer en valor o potencial que ten a materia orgánica para a súa transformación en compost, facéndose necesario separala en orixe para que o abono obtido sexa de alta calidade e cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente para ser empregado na agricultura e xardinería.
O composteiro, un elemento de apoio no rural
As sesións sobre compostaxe doméstica espertaron gran interese a nivel municipal, xa que esta práctica forma parte do acervo cultural no rural galego, onde, desde sempre, se segregaron os restos de alimentos e vexetais para alimento do gando e/ou elaboración de abono.
No programa impulsado por Sogama, a técnica modernízase coa dotación, ás familias participantes, dun composteiro que contribúe a facer o proceso máis eficiente, cómodo e hixiénico. Así, durante as sesións formativas concrétase o lugar idóneo para a colocación deste recipiente (no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para propiciar a entrada dos microorganismos descompoñedores), os materiais que poden, e non poden, ser depositados no mesmo, e incídese na importancia de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, xa que inflúen no resultado final.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de residuos doméstica tipo, se esta porcentaxe se recupera polas familias en orixe, conforme aos principios da economía circular, os beneficios, tanto ambientais como económicos, están garantidos.
Con todo, o autocompostaje está condicionado a que os participantes habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, dando continuidade ao propio ciclo da natureza.
O contedor marrón, pensado para os principais núcleos de poboación
Adicionalmente, e coa progresiva incorporación do contedor marrón ás rúas, os veciños do ámbito urbano e semiurbano tamén poden contribuír á compostaxe segregando nas súas vivendas os residuos orgánicos, que deben introducir neste novo recipiente, sempre en bolsas compostables.
Desde os municipios, esta fracción transpórtase, no caso do modelo Sogama, ata unha das catro plantas públicas de biorresiduos (Cerceda, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín) xestionadas por esta empresa pública para a súa conversión en compost. Do mesmo xeito que no doméstico, separar os restos orgánicos resulta indispensable para que o compost industrial resulte apto para a súa posterior aplicación agrícola.
Saúdos, Departamento de Comunicación