
- Técnicos da empresa pública desprazáronse a este centro para impartir sesións formativas ao redor da correcta selección de residuos en orixe e o seu depósito nos contedores correspondentes a fin de garantir a súa posterior transformación en materias primas
- Tamén abundaron nos beneficios da valorización da materia orgánica a través da súa compostaxe, tanto industrial como doméstica. Neste último caso, as explicacións proporcionáronse na propia área verde da Escola, onde se instalaron os tres composteiros proporcionados por Sogama
Cerceda, 8 de outubro de 2025.- Máis dun cento de alumnos/as da Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña, situada na ría de Ferrol, foron formados por técnicos de Sogama en reciclaxe e compostaxe co fin de mellorar a xestión dos residuos no propio centro, facéndoa máis sostible.
Ademais de dar as claves para reducir a produción de refugallos en orixe, mediante un consumo responsable, e fomentar a reutilización dos produtos, explicóuselles como separar os residuos por materiais e cales son os contedores de destino para cada tipoloxía. Neste sentido, incidiuse en que a correcta clasificación en orixe constitúe o cimento da reciclaxe de calidade. De non haber este labor previo, a transformación de residuos en novas materias primas será complexa e moi custosa.
Dado que a Escola acolle a estudantes doutras comunidades autónomas, algúns fixéronse eco das súas propias experiencias, interesándose especialmente pola actividade do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, onde se centralizan, para o seu posterior tratamento, os residuos urbanos procedentes de 295 concellos galegos, de acordo cun sistema de xestión que prioriza a aplicación dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), aos que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, transformándoa en electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A compostaxe, tanto industrial como doméstica, centrou a segunda parte das sesións. Os técnicos de Sogama falaron do contedor marrón, concibido para recoller a materia orgánica e convertela en compost nas plantas de biorresiduos que a empresa ten en Cervo (Lugo), Cerceda (A Coruña), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra), así como da autocompostaxe, viable nas vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o abono resultante. Nunha modalidade ou outra, garántese a correcta xestión dos restos orgánicos, conforme ao estipulado pola normativa vixente, cos conseguintes beneficios ambientais e económicos.
Composteiros para propiciar a autoxestión
Sogama entregou á Escola de especialidades tres composteiros con capacidade para 400 litros cada un, e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que a comunidade educativa poida elaborar o seu propio compost a partir dos restos de alimentos xerados nos comedores.
As instrucións sobre a montaxe e operativa destes recipientes fíxose na propia zona verde do recinto, onde se explicou ao alumnado os materiais que deben e non deben ser depositados no composteiro, así como a necesidade de facer un seguimento de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade para garantir que o compost obtido cumpra con todos os requisitos esixidos pola lexislación vixente para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación