- Pertencían ao Colexio Divina Pastora Salesianos e ao IES Xoán Montes, e cursaban 1º e 3º de ESO respectivamente
Cerceda, 16 de xuño de 2026.- Máis dun cento de alumnos/as de ESO do Colexio Divina Pastora Salesianos e do IES Xoán Montes, ambos de Lugo, desprazáronse recentemente a Cerceda para coñecer a actividade de Sogama e comprobar in situ o tratamento que reciben os residuos que producen cada día.
Co apoio de educadores especializados, as xornadas fluíron de forma amena e lúdica, proporcionando aos grupos as explicacións necesarias sobre o proceso de xestión das tres fraccións de refugallos que se atopan baixo a competencia de Sogama: envases lixeiros recollidos a través do contedor amarelo; materia orgánica depositada no marrón; e resto, canalizada a través do contedor xenérico, habitualmente de cor verde.
Mentres que os materiais que conforman a bolsa amarela son seleccionados por tipoloxías para a súa remisión aos centros recicladores, os da bolsa negra seguen un proceso similar, xa que Sogama consegue recuperar, nunha planta que opera con tecnoloxía 4.0, a parte reciclable, que debería ter sido depositada pola cidadanía noutros contedores de recollida selectiva. Coa non reciclable, a compañía elabora un combustible CDR que se valoriza enerxeticamente nunha planta termoeléctrica, xerando enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
A través dun percorrido virtual 360º, os grupos puideron ver, con todo detalle, e desde diferentes perspectivas, a operativa industrial, interiorizando así o labor e as funcionalidades de cada unha das instalacións que conforman o Complexo Medioambiental.
Pola súa banda, a bolsa marrón recibe tratamento nas plantas de compostaxe que Sogama ten en Cervo (Lugo), Cerceda (A Coruña), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), onde a materia orgánica convértese nun compost de alta calidade con posteriores aplicacións nos sectores da agricultura e xardinería.
As sesións complementáronse con xogos e diferentes dinámicas orientadas a fomentar a participación de escolares e profesores a través de preguntas, consultas, dúbidas e observacións.
Saúdos, Departamento de Comunicación