- As viaxes a Cerceda, organizadas e financiadas polo ente local, tiñan como finalidade que comprobasen en primeira persoa o tratamento que reciben os residuos que producen cada día e o custo que isto representa
- Tamén que tomasen nota das boas prácticas para reducir a súa xeración e contribuír a unha maior reciclaxe, dados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais
Cerceda, 21 de novembro de 2025.- En días pasados, máis dun cento de veciños da localidade pontevedresa do Porriño desprazáronse a Sogama para coñecer de primeira man a súa actividade e constatar por si mesmos o tratamento que reciben os residuos que producen cada día, previo paso pola planta de transferencia situada neste mesmo municipio, onde se transvasan desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade (43 metros cúbicos), aptos para ser transportados a longas distancias con todos os requisitos hixiénicos e de seguridade.
As viaxes, organizadas e financiadas polo propio Concello, forman parte dunha campaña de formación e concienciación impulsada por este e orientada a promover a menor produción de residuos en orixe, así como a reutilización dos produtos, alongando a súa vida útil, e a reciclaxe, separando os materiais por tipoloxías e depositándoos no contedor correspondente para garantir o seu posterior reciclado.
Estes xestos, non só traen consigo importantes beneficios ambientais en canto a aforro do consumo de materias primas virxes e enerxía, senón tamén económicos, xa que unha maior achega á reciclaxe, reporta ingresos para as arcas locais, diminuíndo ao mesmo tempo as cantidades de refugallos entregadas a Sogama para o seu tratamento final.
Dobre percorrido: virtual e guiado a pé
Atendidos por educadores ambientais, os grupos veciñais recibiron as explicacións oportunas sobre a problemática que a alta produción de residuos representa nas sociedades modernas, como facer fronte á mesma e que cometido desempeña Sogama.
A través dunha visita virtual, para a que foron equipados con lentes inmersivas 360º, movéronse polos exteriores e interiores das distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, constatando desta forma o circuíto que segue o residuo desde que entra nesta infraestrutura ata que sae da mesma convertido en recurso, ben en material clasificado e preparado para remitir á industria transformadora, ou ben en enerxía eléctrica, no caso dos residuos non reciclables, evitando desta forma que acaben depositados en vertedoiro, a opción máis nociva para o medio ambiente e a saúde.
Este itinerario virtual complementouse con outro guiado a pé, permitíndolles ter unha visión máis ampla do labor desta empresa pública e da magnitude dunha infraestrutura preparada e equipada coas últimas tecnoloxías dispoñibles para dar un correcto tratamento ás máis de 800.000 toneladas anuais de residuos que chegan á mesma desde 295 concellos, entre os que se atopa o do Porriño.
As xornadas incluíron tamén unha parte lúdica, para poñer a proba os coñecementos adquiridos por parte dos grupos, e un coloquio no que os participantes deixaron constancia dos seus comentarios e observacións, ademais de consultar as súas dúbidas en torno ao contedor de destino de determinados residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación