
- Pertencían ao Ciclo Superior de Laboratorio Clínico-Biomédico e ao Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental
- No transcurso da súa visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda, técnicos da entidade explicaron ao grupo os medios técnicos e a adopción de tecnoloxías de última xeración que permiten á empresa levar a cabo unha vixilancia exhaustiva das súas emisións e inmisións, verteduras, depuración de augas, etc
- Medicións periódicas e en continuo corroboran que todos os parámetros están moi por baixo dos límites legais
Cerceda, a 7 de abril de 2025.- Más de medio cento de estudantes do CIFP Ánxel Casal da Coruña que cursan o Ciclo Superior de Laboratorio Clínico-Biomédico e o Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental, informáronse, no transcurso dunha visita realizada ao Complexo industrial de Sogama en Cerceda, sobre os protocolos de control ambiental despregados por esta empresa pública para garantir a compatibilidade do seu labor coa protección da contorna e a saúde pública.
Para isto, monitores especializados explicaron ao grupo a operativa desta infraestrutura, así como os medios técnicos e a adopción de tecnoloxías de última xeración que permiten á compañía levar a cabo unha vixilancia exhaustiva das súas emisións e inmisións, verteduras, depuración de augas, etc, ademais de adoptar todas as medidas preventivas e correctivas necesarias para evitar e minimizar incidencias. Os resultados das medicións periódicas e en continuo corroboran que todos os parámetros están moi por baixo dos límites legais.
Neste sentido, incidiuse en que as plantas de valorización enerxética son as instalacións máis controladas dende a dimensión ambiental e da saúde, pesando sobre as mesmas unha rigorosa lexislación, que resulta moito máis esixente que a que rexe para outro tipo de infraestruturas. De feito, na Unión Europea funcionan máis de 500 plantas desta tipoloxía, localizándose na meirande parte dos casos no centro de pobos e cidades, circunstancia que propicia a subministración de calor para as calefaccións e auga sanitaria das comunidades veciñais.
En Copenhague, ademais, a planta utilízase como parque de lecer e recreo, toda vez que dispón dunha pista de esquí para goce veciñal e unha parede acondicionada para a práctica deportiva de escalada.
Para coñecer con máis precisión os detalles da operativa de Sogama, os integrantes do grupo realizaron unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense, podendo ver o circuíto de tratamento aplicado aos residuos desde que entran nesta infraestrutura ata que se converten en recursos, ben mediante o seu envío aos centros recicladores, ou ben mediante a súa transformación en enerxía eléctrica, no caso da parte non reciclable.
Saúdos, Departamento de Comunicación