- Expón un cambio de paradigma que incorpore as condicións económicas, regulatorias e comerciais necesarias para previr a xeración de residuos, estimular a demanda de materias primas secundarias producidas na UE e favorecer o crecemento de empresas circulares en todo o territorio europeo
Cerceda, 19 de novembro de 2025.- Municipal Waste Europe (MWE) presentou a súa resposta á consulta pública sobre a futura Lei de Economía Circular (Circular Economy Act, CEA) e fíxoo a través de dous documentos: unhas recomendacións horizontais para o conxunto da norma e unha batería de propostas específicas para os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), un fluxo de refugallos cada vez máis relevante polas súas implicacións xeopolíticas e os retos que expón en ecodeseño, recollida e tratamento.
A entidade valora o compromiso da Unión Europea coa transición desde un modelo lineal cara a un circular baseado na xerarquía de residuos. Neste sentido, lembra que a transición a unha economía circular é, na súa opinión, a única vía para que Europa lidere en sostibilidade, mellore a súa competitividade, impulse a innovación tecnolóxica e reduza a súa dependencia das importacións.
As recomendacións de MWE non se limitan a eliminar barreiras para que os municipios poidan cumprir as súas funcións, senón que formulan un cambio de paradigma que incorpore as condicións económicas, regulatorias e comerciais necesarias para previr a xeración de residuos, estimular a demanda de materias primas secundarias producidas na UE e favorecer o crecemento de empresas circulares en todo o territorio europeo.
Incide especialmente no papel crave dos municipios, que están en primeira liña de atención á cidadanía e poden proporcionar o marco de incentivos e previsibilidade necesario para que prosperen os modelos de negocio circulares.
Dos RAEE á autosuficiencia europea
No seu documento específico sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, MWE alerta de que o rápido aumento do uso de equipos eléctricos e electrónicos na UE, xunto coa importancia estratéxica das materias primas críticas que conteñen, esixe un cambio profundo na relación cos produtores destes equipos e na xestión dos RAEE.
A nivel local, os municipios e os operadores públicos de residuos son un dos principais habilitadores da recuperación de RAEE e de materias primas críticas: xestionan puntos de recollida, informan e sensibilizan á cidadanía, e encárganse da manipulación e o almacenamento seguros destes residuos. Con todo, enfróntanse a sistemas infradotados, roubos, problemas de seguridade, riscos de incendio e un volume crecente de aparellos máis pequenos e de curta vida útil.
MWE advirte de que, sen un marco xurídico europeo robusto e sinxelo, un apoio económico adecuado e o recoñecemento das autoridades locais e os seus operadores como socios centrais na xestión de RAEE, o potencial de preparación para a reutilización e reciclaxe destes residuos seguirá infrautilizado.
Fonte e imaxe: Municipal Waste Europe