- Co lema “Poñer fin á perda e o desperdicio de alimentos. Polas persoas. Polo planeta”, esta efeméride está liderada pola FAO
- A organización alerta de que, a nivel mundial, unha de cada once persoas enfróntase á fame, mentres que ao redor do 13% dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda minorista, e o 19% desperdíciase nos fogares, a restauración e o comercio polo miúdo
- Cando se perden ou desperdician alimentos, desaprovéitanse todos os recursos utilizados para a súa produción, coa particularidade de que o seu depósito en vertedoiro xera emisións GEI, o que contribúe ao cambio climático
Cerceda, 29 de setembro de 2026.- Co lema “Poñer fin á perda e o desperdicio de alimentos. Polas persoas. Polo planeta”, hoxe celébrase o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio Alimentario, unha efeméride a través da cal se fai fincapé na necesaria e maior responsabilidade na produción e consumo de alimentos.
Neste sentido, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) lembra que, a nivel mundial, unha de cada once persoas enfróntase á fame, mentres que ao redor do 13% dos alimentos producidos pérdense entre a colleita e a venda minorista, e o 19% desperdíciase nos fogares, a restauración e o comercio polo miúdo.
Os expertos coinciden en sinalar que é o momento no que todos –desde os produtores ata as empresas, a cadea de subministración e os consumidores, ademais dos gobernos e os investigadores– tomemos medidas urxentes, tanto individuais como colectivas, para atallar o problema e garantir un mundo con certeza alimentaria, agora e no futuro.
Un problema con serias implicacións ambientais, económicas e sociais
Cando se perden ou desperdician alimentos, todos os recursos utilizados para a súa produción -como a auga, a terra, a enerxía, a man de obra e o capital- desaprovéitanse, coa particularidade de que a eliminación dos alimentos perdidos ou desperdiciados en vertedoiro xera emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), o que contribúe ao cambio climático, ademais de verse afectada a seguridade alimentaria e a dispoñibilidade de alimentos, aumentando os custos.
Os sistemas alimentarios non poden ser resilientes se non son sostibles, de aí a necesidade de centrarse na adopción de enfoques integrados e adoptar medidas a escala mundial e local para aproveitar ao máximo os alimentos que producimos.
A fin de introducir este cambio transformador é fundamental incorporar tecnoloxías, solucións innovadoras (en particular plataformas de comercio electrónico para a comercialización e sistemas de elaboración de alimentos replegables e móbiles), novas formas de traballar e boas prácticas con miras a xestionar a calidade dos alimentos.
Fonte e imaxe: ONU