- A sesión, que se materializou no último trimestre deste ano, tivo un enfoque máis técnico, centrándose no tratamento industrial dos residuos e a redución do desperdicio alimentario
Cerceda, 11 de decembro de 2025.- No marco dos compromisos de formación ambiental adquiridos coa Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña (ESENGRA), en Ferrol, un dos centros da Armada Española, Sogama impartiu este último trimestre do ano unha nova sesión, cun carácter máis técnico, centrada na xestión sostible dos residuos e a redución do desperdicio alimentario, dada a gran cantidade de comidas que cada día se dispensan no centro e a importancia que ten, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, minimizar a cantidade de alimentos que acaban no cubo do lixo.
Tras clarificar distintos conceptos vinculados á xestión sostible dos residuos, técnicos expertos na materia explicaron a actividade industrial de Sogama, as fraccións de refugallos que se atopan baixo a súa competencia (envases, materia orgánica e resto) e o tratamento ao que son sometidas para poñelas en valor.
Así, no caso dos envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo, viaxan ao Complexo Medioambiental de Cerceda, onde se separan por tipoloxías nunha planta de clasificación automática, procedendo ao seu prensado e embalado para o seu posterior transporte aos centros recicladores, onde se converten en novas materias primas. Con isto garántese a redución do consumo dos xa limitados recursos naturais, á vez que se aforra enerxía.
No caso da materia orgánica, esta recóllese por parte dos servizos municipais a través do contedor marrón e trátase nalgunha das catro plantas de biorresiduos que Sogama ten en Galicia (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) a fin de convertela en compost, un abono natural que achega nutrientes ao solo e que mesmo o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Pola súa banda, a bolsa negra ou resto, recollida a través do contedor xenérico, tamén se traslada ao Complexo cercedense para segregar da mesma aqueles materiais potencialmente reciclables que, por erro, foron depositados polos cidadáns no recipiente convencional, cando o seu destino debería ser outros de recollida selectiva. Este proceso lévase a cabo nunha planta de recuperación que opera con tecnoloxía 4.0.
A partir dos residuos non reciclables, a empresa elabora un combustible CDR que valoriza enerxeticamente nunha planta termoeléctrica, producindo electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Transformación dixital, descarbonización dos procesos, posta en marcha dunha planta de clasificación de residuos téxtiles, a primeira de España de carácter público, constitúen os proxectos sobre os que a Sociedade traballa actualmente, estando incluídos no seu plan estratéxico 2025-2030.
As explicacións dos técnicos estiveron apoiadas por presentacións e vídeos, reservándose un espazo de tempo para coloquio, debate e resolución de dúbidas.
600 alumnos/as por curso
A Escola imparte formación e perfeccionamento nas especialidades de Aloxamento e Restauración, Manobra e Navegación, Administración e outras habilidades para servir na Mariña, ofrecendo formación militar e técnica esixente correspondente ás escalas de Mariñeiría e Suboficiais. En cada período académico pasan polas súas instalacións unha media de 600 alumnos/as.
Saúdos, Departamento de Comunicación