
- Os regulamentos de deseño ecolóxico e etiquetaxe enerxética poderían propiciarlles o aforro de 20.000 M€ ata 2030
- Agárdase que as puntuacións fortalezan a competitividade da UE sobre a base da sostibilidade, un sector de reparacións florecente e a creación de empregos locais
Cerceda, a 23 de xuño de 2025.- Os consumidores poderán ter máis información sobre a maior ou menor facilidade para reparar os seus teléfonos intelixentes e tabletas. A CE introduciu un novo sistema de puntuación de reparabilidade, que figurará na nova etiqueta enerxética que acompaña a estes produtos electrónicos, a fin de que os cidadáns tomen decisións máis sostibles.
As puntuacións de reparabilidade proporcionan unha cualificación clara e fácil de entender: desde a A (a máis alta) ata a E (a máis baixa) e baséanse nun método científico rigoroso desenvolvido polo JRC, e que ten en conta os compoñentes claves do produto ('pezas prioritarias') e varios factores que inflúen na reparabilidade ('parámetros'), como son os pasos necesarios para o desmonte, as ferramentas coas que acceder aos compoñentes para a súa substitución ou o grao de dispoñibilidade de pezas de reposto e información de reparación. A avaliación de todos estes parámetros dá como resultado a puntuación de reparabilidade agregada que se amosará nas etiquetas enerxéticas da UE.
Ao aumentar a vida útil media dos teléfonos intelixentes e tabletas, os consumidores, non só aforran diñeiro, senón que tamén contribúen a reducir o impacto ambiental da produción e os residuos electrónicos. De feito, e segundo o Informe Xeral de Contabilidade do Impacto do Ecodeseño de 2024, o Regulamento de Ecodeseño e o Regulamento de Etiquetaxe Enerxética, que inclúen a puntuación de reparabilidade, poderían aforrar 0,2 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano e 20.000 millóns de euros para 2030.
Ademais, agárdase que a puntuación estimule a demanda de produtos máis reparables, o que conducirá a un fortalecemento da competitividade sobre a base da sostibilidade, un sector de reparacións florecente e a creación de empregos locais.
A medida que a UE segue impulsando unha economía máis circular en consonancia co Clean Industrial Deal, a Comisión anunciou plans para considerar máis requisitos de reparabilidade no marco do Regulamento de Deseño Ecolóxico para Produtos (ESPR), incluíndo outros produtos electrónicos de consumo e pequenos electrodomésticos.
Fonte e imaxe: Comisión Europea