
- A empresa pública subministrou ao ente local 50 composteiros, así como manuais didácticos de apoio, e impartiu un curso de formación presencial orientado ás familias participantes
Cerceda, a 2 de xullo de 2025.- Medio cento de vivendas unifamiliares incorpóranse ao programa de compostaxe doméstica impulsado no municipio do Carballiño (Ourense) polo propio Concello, contando para isto coa colaboración de Sogama.
A Sociedade pública subministrou ao ente local 50 composteiros, ao tempo que proporcionou manuais didácticos para distribuír entre as familias participantes a fin de que lles sirvan de guía no proceso de elaboración de compost. Con todo, e co obxectivo de afianzar coñecementos e resolver dúbidas ao redor da operativa a seguir, técnicos de Sogama desprazáronse a pasada semana ao Carballiño para impartir un curso de formación presencial que tivo lugar na Casa da Cultura e ao que asistiron os veciños que formarán parte do programa nesta nova fase.
Vantaxes e proceso
Con esta iniciativa, o goberno local pretende reducir a xeración de residuos en orixe e poñer en valor, nos propios domicilios, en torno ao 40% do lixo doméstico xerado cada día, e que está conformado por materia orgánica. Deste xeito, non só se evita o seu depósito nos contedores emprazados na rúa, contribuíndo ao aforro, tanto ambiental como económico, senón que esta fracción convértese nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, ao que mesmo protexe fronte a pragas e enfermidades.
A iniciativa pretende así recuperar unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación de restos orgánicos para alimento do gando e/oi elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, posibilitada polo uso do composteiro. Trátase dun recipiente con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Durante a formación, os monitores precisaron os materiais que deben -e non deben- introducirse no composteiro, a necesidade de que a mestura entre fracción húmida e seca sexa proporcionada e garde equilibrio, así como a importancia de levar a cabo un seguimento e control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que inflúen de forma considerable no resultado final.
O obxectivo é acadar un compost de alta calidade, que cumpra cos requisitos contemplados na normativa vixente e que poida ser aplicado en xardíns, hortas e terras de cultivo con garantías e sen restricións, pechando desta forma o ciclo de recuperación da materia orgánica.
Saúdos, Departamento de Comunicación