
- Segundo datos de Eurostat, o ecodeseño apenas inflúe na compra de equipos TIC e só o 11% recicla os seus móbiles e computadores fóra de uso
Cerceda, a 4 de agosto de 2025.- O ritmo acelerado da innovación tecnolóxica e a rápida substitución de dispositivos dixitais, xeran cada ano toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), sendo actualmente o fluxo de refugallos que máis rápido está a crecer.
Segundo datos de Eurostat de 2024 sobre hábitos de consumo de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na Unión Europea, máis da metade dos cidadáns (51%) manteñen na casa os seus smartphones vellos en lugar de darlles unha saída sostible. Só un 11% os recicla e un 18% opta por vendelos ou regalalos. Unha pequena porcentaxe, o 2%, refúgaos directamente sen reciclalos.
Os comportamentos varían segundo a idade: o 13% das persoas entre 55 e 74 anos, recicla o seu antigo teléfono, fronte ao 7% dos mozos entre 16 e 24 anos. En cambio, os máis novos son máis proclives a dar unha segunda vida aos seus dispositivos móbiles (23% fronte a 12% nos maiores).
Por países, Grecia destaca cun 25% de cidadáns que reciclan os seus teléfonos móbiles, mentres que Croacia lidera en doazóns ou vendas de segunda man, cun 34%.
Os hábitos con outros dispositivos son moi similares. No caso dos computadores portátiles e as tabletas, un 11% recíclase, un 12% dóase ou véndese e un 34% permanece gardado no fogar. Grecia (20%) e Dinamarca (19%) lideran a reciclaxe destes dispositivos, mentres que Croacia (29%) e Romanía (18%) destacan na reutilización.
En canto aos computadores de sobremesa, presentan unha taxa de reciclaxe algo maior, do 15%, con Países Baixos (28%) e Suecia (26%) á cabeza. Aínda así, case un de cada cinco permanece gardado nos domicilios.
Pouco peso da sostibilidade
En 2024, só o 12% dos cidadáns da UE considerou o ecodeseño (durabilidade, facilidade de reparación, materiais respectuosos co medio ambiente) como un factor importante á hora de adquirir equipos TIC. Austria (62%) e Chipre (41%) foron os países con maior conciencia ecolóxica neste aspecto.
A eficiencia enerxética do dispositivo (19%), a posibilidade de prolongar a súa vida útil (10%) e os programas de recollida de equipos antigos (7%) tamén foron valorados, aínda que lonxe de criterios máis tradicionais coma o prezo (69%), o rendemento do hardware (53%) ou o deseño e a marca (50%).
Fonte: Eurostat
Imaxe: Pixabay