
- Así o indica o barómetro do desperdicio alimentario de AECOC, elaborado xunto a Phenix, e cuxos resultados tamén salientan que, aínda que o 64% conxela alimentos antes de caducar, un 26% acaba tirándoos
Cerceda, 3 de outubro de 2025.- A 8ª Semana contra o Desperdicio Alimentario, impulsada por AECOC (Asociación de Fabricantes e Consumidores), e que precisamente culminou o Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos (29 de setembro), mobilizou a empresas, entidades sociais e universidades co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de aproveitar a comida e reducir a xeración de residuos.
No evento déronse cita preto de 150 profesionais do sector, consolidándose como foro de referencia en sostibilidade alimentaria. Así mesmo, contou coas intervencións da Fundación Banco de Alimentos de Madrid, Fundació Banc dels Aliments de Barcelona e PEPSICO, que puxeron en valor a dixitalización na doazón de alimentos, ademais dunha mesa redonda moderada por Marcos González, fundador de Corresponsables, na que se deron cita representantes de asociacións de consumidores tales como Hispacoop, UCAUCE e UNAE.
Os relatores coincidiron en sinalar que a pedagoxía e a comunicación son claves para fomentar hábitos responsables nos fogares.
En paralelo, chefs como Alberto Alonso, Roger Julián e Carito Lourenço debateron sobre economía circular en gastronomía, compartindo experiencias desde a hostalería.
Barómetro do desperdicio alimentario
A xornada incluíu a presentación dos resultados do barómetro do desperdicio alimentario de AECOC, elaborado xunto a Phenix, destacando os seguintes datos:
- En 2016, o 40% dos fogares recoñecía tirar alimentos con frecuencia; en 2025 a cifra reduciuse ao 36%.
- O 58% dos consumidores admite esquecer produtos na despensa ou neveira.
- Un 20% refuga comida por exceso ou por considerala de pouco valor.
- Aínda que o 64% conxela alimentos antes de caducar, un 26% de quen garda sobras acaba tirándoas.
Carolina Muro, presidenta do Comité AECOC contra o Desperdicio Alimentario, puxo de relevo os resultados alcanzados polo sector, toda vez que a distribución española reduciu o seu desperdicio do 0,95% en 2021 ao 0,37% no últimos cinco anos, situando a España por diante de numerosos países europeos en eficiencia e sostibilidade.
Fonte: Retema
Imaxe: Freepik