
- Destaca tamén a alta presenza de escolares de primaria e estudantes de másters universitarios e cursos de posgrao ligados ao medio ambiente e a enerxía, sen esquecer as delegacións políticas e técnicas de distintas rexións e países
- Sogama eríxese así nunha entidade pública con alto potencial para transmitir coñecemento no seu ámbito de actuación, distinguíndose ademais pola súa transparencia, capacidade para xerar conciencia ambiental e importante nicho de emprego verde
Cerceda, a 3 de setembro de 2025.- Durante o curso académico 2024-2025, o alumnado de Educación Secundaria conformou o colectivo maioritario do programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), aínda que escolares de primaria e estudantes de másters e cursos de posgrao ligados ao ámbito ambiental e enerxético rexistraron tamén unha presenza moi significativa, dado o potencial de coñecemento que ten o modelo de xestión impulsado por esta empresa pública.
En todos os casos destácase a oportunidade que a visita a Sogama representa para penetrarse na xestión sostible dos residuos urbanos e, sobre todo, para tomar conciencia da inxente cantidade de refugallos que os cidadáns producimos cada día e a necesidade de poñer en práctica hábitos vinculados ao consumo responsable e racional: comprando unicamente o que se precisa, diminuíndo a adquisición de produtos con exceso de envase e embalaxe, levando a propia bolsa de casa ao supermercado, cociñando as cantidades de comida axustadas ao número de comensais e aproveitando as sobras para novos menús. Pequenos xestos diarios que poden traer consigo grandes achegas ao coidado da contorna e, polo tanto, ao maior benestar e calidade de vida da poboación.
Unha vez que os refugallos foron producidos, estes deben ser separados por tipoloxías de material e depositados nos contedores correspondentes para facilitar o seu posterior reciclado, que non é máis que a súa transformación en novos artigos para ser incorporados ao ciclo comercial cunha nova vida, propiciando desta forma o aforro de enerxía e materias primas virxes.
Currículo académico ambiental
A presenza da área ambiental no currículo académico, tanto de primaria como de secundaria, é cada vez maior, do mesmo xeito que a receptividade e sensibilidade do profesorado ao redor da correcta xestión dos residuos, consciente de que os escasos e limitados recursos naturais obrigan a sacar proveito daquilo que, a priori, poidera parecer de escasa ou nula utilidade.
Tal e como recoñecen, ver en primeira persoa o traballo de Sogama convida á reflexión sobre os cuantiosos investimentos económicos que é necesario facer para tratar os residuos conforme á lexislación vixente e coas máximas garantías para o medio ambiente e a saúde pública, así como a proxección social que esta compañía pública para o emprego verde a través da xeración dun milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos.
Saúdos, Departamento de Comunicación