- Estudantes de 2º e 3º de ESO viaxaron onte a Cerceda para visitar o Complexo industrial de Sogama e coñecer así o tratamento ao que son sometidos os refugallos que producen cada día
- Tamén tomaron conciencia da necesidade de aplicar, con carácter previo, os tres erres a fin de previr e reducir a produción de residuos, reutilizar os produtos o maior número de veces posible e contribuír á reciclaxe
Cerceda, 11 de novembro de 2025.- No transcurso dunha visita realizada onte ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, estudantes de 2º e 3º de ESO do Centro Divino Maestro de Ourense mostraron a súa inquedanza pola elevada xeración de residuos nas sociedades modernas e a necesidade de poñer freo a un consumismo exacerbado propio das malas prácticas de usar e tirar.
As máis de 800.000 toneladas de refugallos que Sogama recibe nas súas instalacións cada ano, xeradas por 295 concellos, evidencian que aínda queda moita marxe de mellora e que o antídoto do que dispón a cidadanía para facer fronte a estas cifras é a práctica cotiá do principio dos tres erres: previr e reducir a produción de refugallos en orixe a través dun consumo responsable e consciente; reutilizar os produtos o maior número de veces posible ata esgotar a súa vida útil; e separar os residuos por tipoloxías, depositándoos nos contedores axeitados para garantir o seu posterior reciclado. Desta forma, a cantidade de lixo xerado nos fogares poderá ser minorada, do mesmo xeito que os envíos da fracción resto a Sogama, propiciando tamén unha redución do custo económico da súa xestión para as arcas locais e, polo tanto, para o peto das familias.
Logo percorrido virtual polas instalacións que conforman o Complexo cercedense, onde puideron coñecer o tratamento ao que son sometidos os residuos para propiciar a súa reciclaxe ou ben a súa valorización enerxética, no caso da parte non reciclable, a xornada complementouse con actividades lúdicas orientadas a poñer a proba o apreso e a afianzar coñecementos.
O coloquio foi o momento no que os integrantes do grupo intercambiaron opinións, sensacións e observacións cos monitores, poñendo de relevo a importancia que ten a educación ambiental para xestionar de forma sostible os residuos e transformalos en recursos; un comportamento respectuoso e solidario coa contorna e o benestar da poboación.
Saúdos, Departamento de Comunicación