
- Así se acordou no transcurso dunha reunión mantida nas propias dependencias do penal entre a súa directora, Teresa Delgado; o alcalde da localidade, David Carrera; e o presidente de Sogama, Javier Domínguez
- Delgado mostrouse convencida da importancia que ten a recollida diferenciada da materia orgánica nun centro destas características para contribuír aos obxectivos europeos de reciclaxe, mentres que o rexedor incidiu en que o bo uso do contedor marrón propiciará que unha menor cantidade de residuos se deriven ao contedor xenérico, reducindo custos
- Pola súa banda, Domínguez manifestou o total apoio a esta iniciativa, comprometéndose a que o equipo educativo de Sogama leve a cabo tarefas de formación orientadas a funcionarios e internos
A Lama, a 7 de maio de 2025.- O centro penitenciario da Lama (Pontevedra) decidiu achegar o seu gran de area á consecución de maiores taxas de reciclaxe e por isto implantará a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Así se acordou durante unha reunión mantida nas dependencias do penal entre a súa directora, Teresa Delgado, o alcalde do Concello, David Carrera, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez.
O obxectivo deste encontro era precisamente achegar posturas entre as tres entidades e colaborar para que a reciclaxe da fracción orgánica no centro fose unha realidade, evitando desta forma que os restos de alimentos sigan a incrementar o peso e volume do contedor xenérico, co conseguinte custo económico e ambiental derivado da recollida, o transporte e tratamento.
Formación en valores ambientais
Con máis de 1.000 celdas, 17 módulos de diferentes graos e 500 funcionarios, a prisión da Lama, que neste 2025 cumpre 27 anos, quere evolucionar nas súas prestacións e ser un centro de reinserción social de carácter integral no que o coidado do medio ambiente, e máis concretamente a xestión sostible dos residuos, ocupa un lugar relevante como reforzo de valores tales coma o civismo, o respecto, a solidariedade, a empatía, a xenerosidade e o benestar global.
Delgado considera que esta pode ser unha magnífica oportunidade para reforzar a sensibilización ecolóxica dos internos e introducir, e mesmo afianzar, na súa vida diaria novos hábitos.
Pola súa banda, David Carrera móstrase convencido de que o penal da Lama dará un paso importante na protección da contorna e mesmo poderá servir de exemplo a outros centros que queiran achegar o seu gran de area na consecución dun mundo mellor, dentro e fóra. Incidiu tamén en que o bo uso do contedor marrón propiciará que unha menor cantidade de residuos se deriven ao contedor xenérico, reducindo custos.
Javier Domínguez ofreceu o total apoio de Sogama neste proxecto, comprometéndose a que o seu equipo educativo leve a cabo tarefas de formación orientadas a funcionarios e internos respecto da aplicación do principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), incidindo na correcta xestión da parte orgánica, xa que supón a maior porcentaxe dos refugallos producidos.
Saúdos, Departamento de Comunicación