
- Estes envases representan en moitos casos a mellor solución para produtos que requiren unha elevada barreira a osíxeno e auga, pero o certo é que presentan dificultades á hora de xestionar o seu fin de vida.
- Os recubrimentos barreira a gases (osíxeno e vapor de auga) permiten reducir o número de capas de materiais, asegurando a correcta preservación dos artigos que conteñen.
- Outra estratexia consiste en modificar a formulación dos adhesivos empregados neste tipo de envases de forma que poidan responder a estímulos externos, perdendo a súa capacidade de adhesión e, xa que logo, permitindo a separación de capas.
Cerceda, a 13 de novembro de 2020.- Se ben é certo que, a día de hoxe, os envases multicapa representan en moitos casos a mellor solución para produtos que requiren unha elevada barreira a osíxeno e auga, non menos certo é que presentan dificultades á hora de xestionar o seu fin de vida útil.
No marco do proxecto PLASTICOAT, o Centro Tecnolóxico ITENE logrou avances na mellora da reciclabilidade dos envases multicapa ao desenvolver recubrimentos e adhesivos que permiten diminuír o número de capas e facilitar o deslaminado.
Os recubrimentos barreira a gases (osíxeno e vapor de auga) permiten reducir o número de capas de materiais nos envases, asegurando a correcta preservación dos artigos que conteñen. Todos os recubrimeentos obtidos reducen a permeabilidade ao osíxeno respecto do PET -material que adoita estar presente neste tipo de envases, en especial naqueles empregados na industria alimentaria- sen recubrir. A taxa de transmisión de osíxeno (OTR) vese mellorada entre un 78-99%, mentres que a redución na transmisión de vapor de auga (WVTR) é de ata un 25%.
Outra estratexia consiste en modificar a formulación dos adhesivos empregados de forma que poidan responder a estímulos externos (determinadas condicións de temperatura e alcalinidade e en combinación con disolventes específicos), perdendo a súa capacidade de adhesión e, xa que logo, permitindo a separación de capas; unha solución que, en todo caso, está adaptada á tecnoloxía de reciclado en uso sen necesidade de alterar o proceso actual.
Así mesmo, en PLASTICOAT tamén se desenvolveron recubrimentos bacteriostáticos en caixas de plástico de polipropileno para produtos hortofrutícolas.
Fonte e imaxe: ITENE