
- O grupo, encabezado polo CEO do Clúster, Juanjo de la Cerda, estaba conformado por representantes dunha vintena de empresas adheridas ao mesmo
- Foi o propio presidente de Sogama, Javier Domínguez, o encargado de proporcionar ao colectivo a información sobre o modelo de xestión impulsado por esta Sociedade e explicar a súa repercusión a nivel ambiental, económico, social e educativo
Cerceda, a 11 de xullo de 2025.- Representantes dunha vintena de entidades adscritas ao Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda e fixéronno no marco dunha formación promovida polo propio Clúster para axudar aos seus asociados a mellorar a xestión dos residuos producidos e a promover as boas prácticas en materia de redución, reutilización e reciclaxe.
O grupo, encabezado polo CEO de CLUSAGA, Juanjo de la Cerda, tivo a oportunidade de adentrarse no labor das instalacións que conforman o Complexo cercedense a través dun percorrido virtual, e posteriormente doutro físico, nos que puideron ver e comprobar o tratamento que reciben os refugallos producidos por 295 concellos (preto de 800.000 toneladas anuais).
Mentres que os materiais reciclables sepáranse por tipoloxías para o seu posterior envío aos centros recicladores, onde se converten en novos recursos, a fracción non reciclable acondiciónase en forma de combustible (CDR) para ser transformada, con todas as garantías ambientais e para a saúde, en enerxía eléctrica.
Tamén se falou da xestión da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia, dispoñendo Sogama dunha rede de infraestruturas, conformada por catro plantas de compostaxe (unha por provincia) e 13 de transferencia de apoio, ás que se dotou cunha tolva específica para o transvasamento desta fracción, que é tratada na planta de biorresiduos máis próxima para ser convertida en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Foi o propio presidente de Sogama, Javier Domínguez, o encargado de proporcionar ao colectivo a información sobre o modelo de xestión impulsado por esta Sociedade e explicar a súa repercusión a nivel ambiental, económico, social e educativo.
Sobre CLUSAGA
O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación estratéxica sen ánimo de lucro que agrupa a máis de 140 socios (—empresas do sector alimentario, universidades -Santiago, A Coruña-, centros tecnolóxicos, etc), co obxectivo de fortalecer, innovar, internacionalizar e facer máis competitivo o sector en Galicia. Polo tanto, o seu traballo oriéntase a construír o valor intanxible da marca Galicia que, asociada a alimentos e bebidas, sexa recoñecida e valorada internacionalmente como de excelencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación