
- O grupo visitante estaba conformado por alumnos e profesores de 3º e 4º de ESO deste centro, así coma por estudantes e docentes de Serbia que formaban parte dun programa Erasmus
- Atendidos por educadores especializados, estiveron presentes nunha charla orientada a explicar a problemática derivada da alta produción de lixo e como facer fronte á mesma, contemplando igualmente unha visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo cercedense
Cerceda, 24 de setembro de 2025.- O programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) iniciou o curso 2025-2026 da mellor forma posible: coa visita de escolares cercedenses.
Un grupo de estudantes de 3º e 4º de ESO do Colexio Público “O Cruce”, xunto cos seus profesores, inauguraron a nova tempada, e, ademais, fixérono acompañados por alumnos e docentes de Serbia integrados nun Erasmus.
Todos eles asistiron a unha charla impartida por educadores especializados na que se falou sobre a problemática que a alta produción de residuos representa nas sociedades modernas, como facer fronte á mesma, o papel que a correcta xestión dos refugallos ten na loita contra o cambio climático, así como a necesaria colaboración dos cidadáns a través da práctica diaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Igualmente, aludiuse ao labor finalista realizado por Sogama para recuperar aqueles residuos susceptibles de ser reciclados e valorizar enerxeticamente os non reciclables, extraendo electricidade dos mesmos (suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos) e evitando o seu depósito en vertedoiro, a opción máis perniciosa para a contorna e a saúde polo seu alto poder contaminante.
A visita virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo industrial desta empresa pública foi o momento máis agardado. Equipados con lentes inmersivas 360º, os escolares realizaron un percorrido polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura, vendo polo miúdo a actividade desenvolvida nas mesmas. É o caso da planta de clasificación de envases, a de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, a planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, a de coxeración e termoeléctrica. Cada unha delas ten unha función específica para que o residuo que chega a Sogama saia do seu Complexo convertido en recurso: ben en material para remitir aos centros recicladores, ou ben en electricidade, no caso dos refugallos non reciclables.
A xornada complementouse con diversas actividades nas que non faltaron os xogos e o coloquio final para comentarios, observacións ou preguntas.
Saúdos, Departamento de Comunicación