- Máis aló da problemática que este fenómeno representa para a seguridade alimentaria, tamén xera outros impactos, especialmente no caso dos vertedoiros, onde os restos de alimentos liberan metano, que é un dos principais emisores de GEI
- De feito, o metano atrapa 86 veces máis calor que o dióxido de carbono durante un período de 20 anos, sendo a orixe de case un terzo do quecemento global rexistrado ata o de agora
- Evitar que os alimentos se desperdicien e, no caso de que non poida ser así, que se separen axeitadamente e se convertan en compost nunha contorna rica en osíxeno, é o xeito máis eficaz de reducir o metano
Cerceda, 26 de outubro de 2026.- No marco do Día Internacional contra o Cambio Climático, celebrado o pasado sábado, día 24, é preciso lembrar a importancia da redución do desperdicio alimentario para aliviar a presión sobre o clima.
Segundo datos da ONU, máis de 1.000 millóns de comidas quedan sen consumirse cada día como resultado da sobreprodución, o deterioro dos alimentos ou unha mala planificación, coa particularidade de que o 60% deste desperdicio ten a súa orixe nos fogares.
Máis aló da problemática que este fenómeno representa sobre a seguridade alimentaria, tamén provoca outros impactos, especialmente no caso dos vertedoiros, onde os restos de alimentos liberan metano, que é un dos principais emisores de gases de efecto invernadoiro (GEI). De feito, o metano é responsable de ata o 10% das emisións de GEI, o que representa case cinco veces as emisións xeradas polo sector da aviación. Este gas atrapa 86 veces máis calor que o dióxido de carbono durante un período de 20 anos, sendo a orixe de case un terzo do quecemento global rexistrado ata a data.
Tal e como manifestou Martin Krause, Director da División de Cambio Climático do PNUMA, “Cada comida rescatada, compartida ou que nunca chega a ser desperdiciada é un alimento mellor aproveitado. Tamén é metano evitado”.
“Freo de emerxencia”
Reducir hoxe as emisións procedentes de fontes coma o desperdicio de alimentos pode xerar beneficios climáticos en cuestión de décadas, actuando como un “freo de emerxencia” fronte ao quecemento global. Polo tanto, o xeito máis eficaz de reducir o metano derivado desta mala práctica, é evitar que os alimentos se desperdicien. E, no caso de que non se poidan evitar, separalos axeitadamente doutros residuos e convertelos en compost nunha contorna rica en osíxeno.
A través da Declaración sobre a Redución do Metano Procedente dos Refugallos Orgánicos, lanzada hai dous anos, máis de 60 países comprometéronse a reducir as emisións de metano do sector dos refugallos entre un 30% e un 35% por baixo dos niveis de 2020 para 2030. Tamén se comprometeron a abordar as causas profundas destas emisións priorizando a prevención e convertendo os refugallos orgánicos en compost ou biogás.
Fonte: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación