
- Baixo o lema ‘Da Man por uns alimentos e un futuro mellores’, faise un chamamento á colaboración para construír un futuro pacífico, sostible, próspero e dotado de seguridade alimentaria
- A edición deste ano coincide co 80 aniversario da FAO, que se fundou precisamente co obxectivo de erradicar a fame e garantir o acceso a alimentos de calidade para todos
Cerceda, 14 de outubro de 2025.- O vindeiro xoves, 16 de outubro, celébrase o Día Mundial da Alimentación, unha data que convida a reflexionar sobre o valor da alimentación sostible e os retos que aínda quedan por diante e que, ademais, coincide co 80 aniversario da FAO. Nesta ocasión, e baixo o lema ‘Da Man por uns alimentos e un futuro mellores’, quérese facer un chamamento á colaboración para construír un futuro pacífico, sostible, próspero e dotado de seguridade alimentaria.
Ao longo dos anos, esta efeméride serviu como plataforma para difundir mensaxes sobre a importancia da alimentación, os desafíos que enfrontamos e as solucións que podemos implementar xuntos. É unha data para lembrar que, aínda que a comida é esencial para a vida, non todos teñen o privilexio de acceder a ela, de aí a necesidade de impulsar cambios reais e sostibles na forma en que producimos e consumimos alimentos.
Entre os obxectivos do Día da Alimentación destacan o de involucrar ás comunidades rurais, especialmente ás mulleres e grupos menos privilexiados, nas decisións que afectan directamente ás súas vidas e ao acceso aos alimentos, e aumentar a conciencia sobre a fame e a desnutrición no mundo, xa que resulta vital entender a magnitude do problema para poder facer fronte ao mesmo. Tamén se quere promover a innovación e compartir tecnoloxías con países en desenvolvemento para incrementar a produtividade e sostibilidade dos seus sistemas alimentarios, así como fomentar un sentido de unidade e colaboración internacional, xa que a loita contra a fame e a pobreza é un esforzo conxunto.
Os datos
Exceso e carencia: Aínda que pareza incrible, cada ano prodúcese o dobre de alimentos necesarios para satisfacer á poboación mundial. Con todo, preto de 793 millóns de persoas aínda pasan fame.
- MuLLeres e alimentación: As mulleres desempeñan un papel crucial na nutrición e seguridade alimentaria. Son as principais encargadas de garantir a calidade dos alimentos en fogares e comunidades.
- Agricultura e xénero: Nos países en desenvolvemento, as mulleres dedican a maioría do seu tempo ao traballo agrícola. Desde a semente ata a recolección, a súa contribución é esencial para a dieta da poboación rural.
- Desafíos para os agricultores: As regulacións internacionais presentan retos para os agricultores tradicionais. Moitos enfrontan dificultades para sementar e vender debido a criterios estritos sobre as sementes.
- Biodiversidade en declive: Das 8.000 a 10.000 especies que utilizamos para a nosa alimentación ao longo da historia, hoxe só 150 se producen e distribúen comercialmente. E un asombroso 60% das nosas calorías provén de apenas catro especies: trigo, millo, arroz e patacas.
Estas cifras convídannos a reflexionar sobre o noso papel no sistema alimentario. Xa sexa apoiando aos agricultores locais, consumindo de maneira máis consciente ou educándonos sobre a biodiversidade, cada un de nós ten o poder de marcar a diferenza porque cada acción conta nesta loita global.
Fonte e imaxe: FAO