
- A última edición da clasificación de Sensoneo revela os contrastes na xestión de residuos entre os países da OCDE
- Mentres que Estados Unidos consolídase como o país con maior xeración de residuos urbanos, no extremo oposto atópase Xapón, con baixas taxas de xeración e uns niveis mínimos de vertedura grazas a un modelo gaseado na incineración con recuperación de enerxía
- Pola súa banda, Corea do Sur distínguese por alcanzar a maior taxa de reciclaxe do mundo (54%)
Cerceda, a 8 de xullo de 2025.-A edición 2025 do Global Waste Index (GWI), elaborado pola tecnolóxica eslovaca Sensoneo, confirma as profundas diferenzas na xestión de residuos entre os 38 países membros da OCDE.
Mentres que Xapón, Corea do Sur e Estonia encabezan a clasificación polos seus baixos niveis de vertedura e altas taxas de valorización, países como Israel, Chile e Estados Unidos continúan entre os que peor xestionan os seus residuos urbanos.
Este informe, publicado por primeira vez en 2019, ofrece unha visión comparativa da eficiencia coa que cada país enfronta a xeración, reciclaxe, incineración e eliminación de residuos. Na súa edición máis recente, incorpora ademais o impacto do contexto internacional actual, marcado pola inflación, os conflitos e unha crecente incerteza económica, elementos que inflúen directamente nos hábitos de consumo e, poLO tanto, nos patróns de produción de refugallos.
Estados Unidos, o maior produtor de residuos por persoa
Un ano máis, Estados Unidos consolídase como o país con maior xeración de residuos urbanos, cunha media de 951 quilogramos por habitante ao ano. Deles, preto da metade (447 kg) terminan directamente en vertedoiros. Séguenlle nesta categoría Canadá (694 kg xerados, 468 en vertedoiro) e Israel (650 kg, dos cales 524 van a vertedeiro). Este último presenta a peor proporción de vertedura de todo o índice, cun preocupante 80 % dos residuos xerados destinados a eliminación final.
Estes datos reflicten unha tendencia crónica á dependencia da vertedura como forma de eliminación, malia o avance de solucións máis sostibles noutras rexións.
Xapón e Corea do Sur marcan o camiño
No extremo oposto da clasificación, Xapón alcanzou o primeiro posto, grazas a baixas taxas de xeración e mínimos niveis de vertedura, que apenas alcanzan o 3 kg por habitante. A isto contribúe un modelo baseado na incineración con recuperación de enerxía, unha estratexia que reduce drasticamente o volume de residuos non reciclables.
Pola súa banda, Corea do Sur, que ocupa a segunda posición, distínguese por alcanzar a maior taxa de reciclaxe do mundo (54 %), coa particularidade de que mantén un sistema de vertedura moi limitada (56 kg por persoa) e adoptou medidas de control moi estritas sobre a separación e recolección selectiva de residuos.
Destaca tamén o caso de Estonia, que se incorporou ao podio nesta edición. O país báltico logra combinar unha xeración moderada de residuos (373 kg) cunha estratexia eficiente de valorización, evitando practicamente a vertedura.
Comparando os datos coa edición anterior (2022), o informe sinala algunhas melloras notables. Nova Zelanda, por exemplo, conseguiu reducir o volume de residuos vertidos en 423 kg por persoa, grazas a políticas máis restritivas e un impulso á valorización enerxética.
Outros países como Bélxica, Austria e Lituania incrementaron considerablemente o uso da incineración con recuperación enerxética, mentres que Austria elevou a súa taxa de reciclaxe ata 334 kg per cápita, representando o 42 % do total de residuos xerados.
Con todo, outros países retrocederon, como Hungría, Israel ou Estados Unidos, onde a porcentaxe de residuos enviados a vertedoiro aumentou, evidenciando a necesidade urxente de revisar estratexias nacionais de residuos.
A valorización enerxética: unha vía intermedia
O informe tamén reivindica o papel da incineración controlada con recuperación de enerxía como alternativa eficiente ao vertedoiro, especialmente para residuos non reciclables. Esta técnica permite reducir o volume ata nun 90 % e xerar enerxía térmica ou eléctrica.
En total, 19 países da clasificación incineran máis residuos dos que verten, unha mostra do avance cara a modelos máis sostibles e tecnoloxicamente avanzados. As plantas actuais contan con sistemas de filtración avanzados, que reducen as emisións e minimizan o impacto ambiental.
Fonte: Retema