
- Elaborado por Circle Economy, en colaboración con KPMG International e co apoio da Corporación Financeira Internacional (IFC), é o primeiro estudo empírico global que cuantifica os fluxos de investimento destinados a modelos de negocio circulares
- O informe revela que só o 4,7 % do investimento global diríxese a solucións de alto impacto, mentres o 98 % do capital aínda financia actividades lineais ou modelos circulares convencionais
- Así mesmo, destaca que a economía mundial é só un 6,9% circular, e que esta brecha segue ampliándose
Cerceda, a 15 de xullo de 2025.- As empresas centradas na economía circular captaron preto de 164.000 millóns de dólares estadounidenses entre 2018 e 2023, segundo recolle o Circularity Gap Report (CGR®) Finance. O investimento en modelos de negocio circulares incrementouse un 87% na segunda metade do período (2021–2023) respecto dos primeiros anos (2018–2020), o que reflicte un interese crecente dos investidores e un argumento empresarial máis sólido a favor da economía circular. Con todo, boa parte dos fondos segue orientada a solucións convencionais como a reparación de vehículos, a revenda de produtos eléctricos e a reciclaxe, mentres que moitas innovacións de alto impacto continúan sen recibir apoio financeiro suficiente.
O informe, elaborado por Circle Economy, en colaboración con KPMG International e co apoio da Corporación Financeira Internacional (IFC), é o primeiro estudo empírico global que cuantifica os fluxos de investimento destinados a modelos de negocio circulares como a reparación e a revenda, e que permite estimar a magnitude da brecha de financiamento existente no sector.
O documento subliña que os investimentos en economía circular poden ofrecer rendibilidades axustadas ao risco. Estes modelos de negocio xeran ingresos adicionais, abren novos mercados e permiten crear máis valor con menos recursos. Ademais, a circularidade emerxe como unha estratexia crave para o sector financeiro, ao axudar a xestionar riscos de subministración derivados de interrupcións nas cadeas de valor ou da escaseza de materias primas, nun contexto de guerras comerciais e inestabilidade xeopolítica.
O investimento pasou de 10.000 millóns de dólares en 2018 a 28.000 millóns en 2023, alcanzando un máximo de 42.000 millóns en 2021. Aínda que esta tendencia confirma o avance do argumento económico da circularidade, a imposibilidade de superar o pico de 2021 apunta a unha certa perda de impulso. A banca concentra a maioría dos investimentos, principalmente en forma de débeda. A pesar disto, o capital destinado á economía circular representa unicamente o 2% do total monitorizado no estudo, o que pon de relevo un potencial aínda enorme por aproveitar.
O groso dos investimentos segue concentrado en aplicacións tradicionais da circularidade como o alugueiro e a reparación, que levan décadas implantadas. Pola contra, as solucións de alto impacto en deseño e produción apenas recibiron un 4,7% do total do investimento, malia a súa capacidade para eliminar residuos e contaminación en orixe.
Redirixir o financiamento: desde actividades lineais cara a modelos circulares
O Circularity Gap Report 2025 destaca que a economía mundial é só un 6,9% circular, e que esta brecha segue ampliándose. Redirixir o financiamento desde actividades lineais cara a modelos circulares resulta imprescindible para reverter esta tendencia. Segundo o informe, unha economía máis circular permitiría manter un alto nivel de vida reducindo a presión ambiental e reforzando a resiliencia económica a longo prazo.
Fonte: Circularity Gap Report 2025