
- Un novo informe da Fundación Fórum Ambiental advirte que a taxa real de reciclaxe reduciríase ao 26% co novo método europeo e urxe a reforzar a prevención, a reutilización e a recollida separada
Cerceda, 7 de outubro de 2025.- Tal e como se recolle no novo informe da Fundación Fórum Ambiental, presentado en Barcelona, España está aínda lonxe de cumprir a maioría dos seus compromisos legais en materia de residuos municipais. De feito, seis dos oito obxectivos normativos presentan atrasos significativos.
O documento alerta de que, malia algúns avances na recollida separada, o país enfróntase a unha situación preocupante que pon en risco o cumprimento das metas fixadas pola normativa europea e nacional.
Un dos aspectos máis críticos é o impacto que tería a adopción do novo método de cálculo europeo, xa que, se se aplicase actualmente, a taxa oficial de reciclaxe en España reduciríase ao 26%, moi lonxe do 60% esixido para 2030. Este dato revela a necesidade de reforzar os sistemas de recollida separada, impulsar a preparación para a reutilización e mellorar a eficiencia das plantas de tratamento, aspectos considerados esenciais para cumprir cos estándares do Directiva Marco de Residuos.
O vertedoiro continúa a ser a principal vía de xestión para os residuos municipais (47%), tendo en conta que a normativa europea marca un máximo do 10% para 2035. É por isto que urxe acelerar a implantación de alternativas máis sostibles, como a compostaxe, a valorización material e a recuperación enerxética, reforzando a economía circular como modelo de referencia.
No ámbito da prevención, o estudo constata avances claramente insuficientes. Desde 2010, a xeración de residuos municipais só se reduciu un 3%, moi por baixo do -13% requirido para 2025.
A esta brecha súmase un incremento do 13% nos residuos de envases desde 2018, o que contradí os obxectivos europeos de redución e anticipa un escenario de difícil cumprimento se non se adoptan medidas para conter o crecemento do consumo e fomentar a reutilización de envases.
Un diagnóstico visual para orientar políticas
O informe introduce un sistema visual de “semáforo” que permite identificar de forma clara que obxectivos están cumpridos, cales avanzan de forma intermedia e en cales o atraso é crítico.
Trátase dunha ferramenta que busca facilitar a comprensión dos datos a responsables públicos, empresas e cidadanía, servindo como guía para orientar os esforzos na próxima década.
Tal e como explicou Leandro Barquín, director da Fundación Fórum Ambiental, “O informe pon de manifesto a distancia que aínda separa a España dos compromisos legais en materia de residuos municipais”, ao que engadiu que “Queremos ofrecer unha ferramenta clara que oriente os esforzos cara ao cumprimento dos obxectivos e a transición cara a un modelo máis sostible”.
A Fundación Fórum Ambiental convida a institucións, empresas e cidadanía a consultar o informe completo, dispoñible na súa web oficial, e a sumarse aos esforzos colectivos para avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos municipais.
Fonte: Retema
Imaxe: Fundación Fórum Ambiental