
- Así o manifestou a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, durante a súa participación no Foro FIREC “Diálogos de Economía Circular”, onde compartiu mesa con representantes de EMSER e Veolia
- Desta concepción estratéxica, froito dun novo contexto lexislativo, ambiental, económico e social, emanarán dous tipos de proxectos: os transformadores e os que velan por unha mellora continua no tempo
- En todo caso, os piares do plan, tal e como anunciou, serán a transformación dixital, a xestión do residuo téxtil e a descarbonización dos procesos, sen perder de vista a economía circular, a sostibilidade e unha maior reciclaxe, ademais do impulso á achega de enerxía renovable ao mix enerxético galego.
Cerceda, a 6 de xuño de 2025.- No marco da súa participación no Foro FIREC “Diálogos de Economía Circular”, e que tivo lugar en días pasados na Coruña, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, que compartiu mesa co gerent adjunt d’EMSER 2002 de Pollença, Sebastià Sansó i Jaume, e o director de Residuos & Plásticos de Veolia, Rafael Sánchez Aparicio, deu a coñecer as distintas experiencias de Sogama no ámbito da economía circular, así como as súas perspectivas de futuro.
Neste sentido, aludiu ao novo Plan Estratéxico da compañía para o período 2025-2030, do que destacou o seu carácter dual, dadas as súas dúas liñas de traballo: por unha banda, a orientada á modernización e crecemento da propia Sociedade e, por outro, a de gobernanza e maior conexión e proximidade cos seus clientes, os 295 concellos aos que presta servizo.
Tal e como asegurou, desta concepción emanarán dous tipos de proxectos, os verdadeiramente transformadores e aqueles que velan por unha mellora continua no tempo. A razón non é outra que o novo contexto lexislativo, ambiental, económico e social no que nos atopamos, moito máis esixente e que require un “salto de escala por parte da empresa”, de aí a necesidade dunha importante actualización estratéxica, que, no caso de Sogama, pivota sobre tres piares fundamentais: a transformación dixital, a xestión de novas fraccións de residuos, como é o caso do téxtil, e a descarbonización dos procesos, sen perder de vista a economía circular, a sostibilidade e unha maior contribución á reciclaxe, ademais do impulso á achega de enerxía renovable ao mix enerxético galego.
Sueiro Costoya lembrou tamén que os obxectivos europeos de recuperación e reciclaxe apreman e todos, concellos, empresas e cidadáns, “debemos pisar o acelerador para cumprilos e traballar conxuntamente”.
Investimento de 3 millóns de euros para a transformación dixital
A transformación dixital, á que Sogama destinará un investimento económico próximo aos 3 millóns de euros, ademais dun gran esforzo en recursos, non só estará orientada a acadar unha maior eficiencia empresarial, senón a axudar e facilitar aos concellos a xestión dos seus residuos.
Nesta área, a directora xeral fixo fincapé na plataforma TRAZA, cuxa pretensión é avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidad do residuo desde que entra nas instalacións de Sogama ata que sae das mesmas convertido en recurso. E, dentro desta plataforma, referiuse especialmente ao denominado “Portal de Cliente”, configurado como un instrumento de intercambio de información cos concellos e a través do cal se ofrecerá aos usuarios unha contorna dixital na que poderán consultar, en tempo real, datos actualizados, obter informes personalizados, proxeccións de futuro, recibir alertas e notificacións, trasladar solicitudes e suxestións, xestionar distinta documentación e axilizar a tramitación administrativa.
Do que se trata é de “axudar aos entes locais, desde a máxima transparencia e fiabilidade, achegándolles datos e informacións relevantes que lles resultarán de gran axuda na toma de decisións”, precisou.
Saúdos, Departamento de Comunicación