
- Completada a fase de asentamento e consolidación do seu modelo, Sogama quere pasar de ser unha empresa de tratamento de residuos a unha empresa xeradora de recursos, contribuíndo de forma decidida ao desenvolvemento sostible da comunidade
- A nova Folla de Roteiro, froito dun minucioso estudo no que se integraron máis de 300 entrevistas mantidas cos seus grupos de interese, ten un marcado carácter dual, orientándose, por unha banda, á modernización e crecemento, e, por outra, á gobernanza en canto a unha maior conexión e axuda aos concellos
- O camiño trazado aborda novos horizontes en ámbitos estratéxicos tales como a economía circular, a descarbonización dos procesos, as enerxías renovables, así como a excelencia operativa e o apoio aos clientes, sen esquecer a estabilidade financeira, a educación ambiental, a responsabilidade ESG e a seguridade e saúde no traballo
Cerceda, a 5 de xullo de 2025.- Sogama presentou onte ao Consello de Xunta os pormenores da súa nova Folla de Roteiro para os próximos anos, á que se destinará un investimento global de 100 M€, pretendendo ser unha peza clave na transición de Galicia cara a un modelo de desenvolvemento definido pola economía circular.
Así, e logo dunha fase de asentamento e consolidación, a empresa pública quere dar un paso ao fronte e erixirse nun instrumento de maior utilidade para a comunidade, pero non só na xestión e tratamento sostible dos residuos municipais, senón na xeración de recursos, incluíndo ás enerxías renovables, cuxo valor engadido se quede no territorio galego.
Baixo o lema “Sogama é futuro”, a nova Folla de Roteiro, froito dun estudo detallado no que se integraron os resultados de máis de 300 entrevistas mantidas con distintos grupos de interese, ten un marcado carácter dual, con dúas grandes liñas de traballo: por un lado, de modernización e crecemento, e, por outro, de gobernanza, a fin de lograr unha mellor conexión cos 295 concellos aos que dá servizo. Tamén formula dúas grandes metas, pretendendo posicionar a Sogama como un polo de innovación ambiental e contribuír a que Galicia se integre no grupo de rexións circulares e medioambientais líderes en Europa. E para isto contempla dous grandes tipos de proxectos: transformadores e singulares, e de mellora continua.
Novos horizontes estratéxicos
O camiño trazado para os próximos anos quere abordar novos horizontes en ámbitos estratéxicos tales como a economía circular, xestionando novas fraccións de residuos (é o caso do téxtil, escouras e cinzas) e impulsando novos modelos e tratamentos para a recuperación material dos refugallos.
Tamén contempla a descarbonización dos procesos, substituíndo o uso de combustibles fósiles por tecnoloxías máis limpas, ao tempo que quere promover a autosuficiencia enerxética da entidade e maximizar a aportación de enerxía renovable ao mix enerxético, pretendendo que a enerxía xerada no Complexo de Cerceda se destine a uso interno de Galicia.
Igualmente, persigue a excelencia operativa cun programa de transformación dixital, industrial e administrativo, co que aspira a gañar en eficiencia, levando a cabo a trazabilidade do residuo, desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso.
O apoio aos concellos adscritos ao seu sistema a través do denominado Portal do Cliente, é outra das grandes liñas de actuación coa que propiciará un diálogo fluído e construtivo entre as partes, poñendo a disposición dos entes locais, en tempo real, a información e os datos de interese para que poidan adoptar decisións máis atinadas e coherentes coa realidade.
Outro dos grandes obxectivos é garantir a estabilidade financieira da entidade e, para isto, Sogama traballará, entre outros eixos, na consecución dun novo réxime retributivo específico para as instalacións, así como na obtención dunha retribución xusta por parte dos Sistemas de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAPS), e na eliminación da dependencia do prezo do gas natural.
A educación ambiental, a responsabilidade ESG, o talento e orgullo de pertenza a través do desenvolvemento profesional do seu equipo humano, e a seguridade e saúde do traballo, son outras das accións identificadas ás que a empresa dará cobertura.
En definitiva, esta Folla de Roteiro vai máis aló de ser unha visión de empresa, toda vez que se erixe nun compromiso integral con Galicia e cun futuro sostible para os galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación