
- Os vehículos novos deberán deseñarse de tal xeito que as instalacións de tratamento autorizadas poidan retirar facilmente o maior número posible de pezas e compoñentes con vistas á súa substitución, reutilización, reciclado, remanufacturación ou renovación
- Os eurodeputados queren que cada novo vehículo conteña un mínimo do 20% de plástico reciclado nun prazo de 6 anos a partir da entrada en vigor das normas
- Así mesmo, 3 anos despois, os fabricantes terían que cubrir o custo da recollida e o tratamento dos vehículos que chegaran ao final da súa vida útil
Cerceda, 9 de setembro de 2025.- O pleno do Parlamento Europeo aprobou a súa posición sobre as novas normas de circularidade no sector do automóvil: desde o deseño ata o tratamento final.
O proxecto lexislativo, que apoiaron 431 eurodeputados, con 145 en contra e 76 abstencións, pretende impulsar a transición deste sector cara a unha economía circular mediante a redución do impacto ambiental vinculado á produción e tratamento final dos vehículos, así coma o reforzo da sostibilidade da industria da reciclaxe de automóbiles en Europa.
As normas aplicaranse a todos os vehículos, coa excepción dos especiais, os deseñados e fabricados para o seu uso polas forzas armadas, a defensa civil, os servizos médicos de bombeiros e emerxencias, e aqueles de interese histórico e cultural especial.
Mellora do deseño e prioridade ao uso de materiais reciclados
Os automóbiles novos deberán deseñarse de maneira que as instalacións de tratamento autorizadas poidan retirar facilmente o maior número posible de pezas e compoñentes, con vistas á súa substitución, reutilización, reciclado, remanufacturación ou renovación, cando sexa tecnicamente posible.
Os eurodeputados queren que cada novo tipo de vehículo conteña un mínimo do 20% de plástico reciclado nun prazo de 6 anos a partir da entrada en vigor das normas. Tamén queren que os fabricantes cumpran cun obxectivo de, alomenos, o 25% dentro dos 10 anos posteriores á entrada en vigor, se hai suficiente plástico reciclado dispoñible a prezos non excesivos. Igualmente, demandan que a Comisión introduza obxectivos para o aceiro e o aluminio reciclados e as súas aleacións, logo dun estudo de viabilidade.
Tres anos despois da entrada en vigor das novas normas, os fabricantes terían que cubrir o custo da recollida e o tratamento dos vehículos que chegaron ao final da súa vida útil (responsabilidade estendida).
Polas estradas da Unión Europea circulan 285,6 millóns de automóbiles, e cada ano, ao redor de 6,5 millóns chegan ao final da súa vida útil.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Freepik