
- Persoal ao servizo de Sogama foi o encargado de explicar a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade, así coma os beneficios ambientais que trae consigo este sistema de xestión
- Esta empresa pública proporcionou ao ente local, de forma gratuíta, 30 composteiros, que foron distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares, así como manuais didácticos de apoio
Cerceda, a 12 de maio de 2025.- O Portal Fragas do Eume foi o lugar elixido polo Concello da Capela para que os técnicos de Sogama impartisen un curso de formación presencial sobre compostaxe doméstica.
Dirixido aos veciños que participan activamente nesta iniciativa, promovida polo ente local, en colaboración coa empresa pública, foi esta última a encargada de subministrar, de xeito gratuíto, unha trintena de composteiros, que foron distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares, ademais de manuais didácticos de apoio.
O obxectivo do Concello é impulsar a autoxestión dos residuos orgánicos nos propios fogares, dados os seus importantes beneficios para o medio ambiente. Tendo en conta que esta fracción representa en torno ao 37% da composición media dunha bolsa de lixo doméstica tipo, se esta porcentaxe se xestiona in situ, evítase o seu depósito no contedor xenérico da rúa, o que podería derivar nunha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, coa conseguinte diminución das emisións de CO2 á atmosfera, así coma unha redución dos custos económicos que suporía o tratamento dos restos orgánicos en planta industrial.
Ademais, e dado que estamos ante unha práctica tradicional e habitual no rural galego, simplemente se trata de recuperala, pero dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente proporcionada polo composteiro.
Pasos a seguir
No transcurso da xornada, o persoal de Sogama encargouse de explicar os pasos a dar para obter un compost de alta calidade: desde que se coloca o composteiro no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, ata a relación de restos de alimentos e vexetais que poden e non poden introducirse no mesmo, así coma o seguimento e control da operativa, debendo encargarse os usuarios de vixiar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Desta forma, o abono resultante cumprirá cos requisitos contemplados na normativa vixente e poderá aplicarse ao chan con garantías e sen restricións.
Os asistentes tamén levaron un manual didáctico de apoio no que se concretan todas as etapas do proceso de fermentación da materia orgánica ata a súa transformación en compost, e no que se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Aínda que varios participantes na xornada xa compostaban de forma tradicional, as explicacións servíronlles para caer na conta de que cometían certos erros como, por exemplo, non realizar os volteos coa frecuencia necesaria ou mesturar material húmido con seco nunha proporción incorrecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación