
- Defende o seu papel esencial para reducir a vertedura, xerar enerxía local e avanzar cara á economía circular
Cerceda, a 1 de xullo de 2025.-A necesidade de dar resposta aos obxectivos de redución da eliminación dos residuos en vertedoiro, de incrementar a autosuficiencia enerxética e de avanzar cara á descarbonización da economía, situou á valorización enerxética no centro da conversación. Con ese punto de partida, o primeiro AEVERSU Summit 2025 reuniu en Madrid aos principais actores do sector do tratamento de residuos.
A conclusión común que se desprende deste encontro é a necesidade de cumprir coas esixencias da xerarquía de residuos, aplicando todos os medios que a mesma ofrece, e na que a valorización enerxética é un elemento necesario para poder dar cumprimento ás esixencias de minimización do uso da eliminación no esquema de tratamento. O reto, agora, é institucional e comunicativo, pasando pola aplicación rigorosa da normativa europea.
Enerxía local para retos globais
Un dos temas máis repetidos no Summit foi o incuestionable valor enerxético e social desta tecnoloxía. Non se trata só de tratar residuos, senón de aproveitar a enerxía local, a través de electricidade, de calefacción e auga quente xerados no proceso de tratamento, reducindo a dependencia de combustibles fósiles e contribuíndo á seguridade enerxética europea.
Países como Alemaña, Suecia ou Países Baixos levan décadas apostando por este modelo como parte estrutural do seu sistema de residuos. En cambio, en España, o desenvolvemento desta tecnoloxía foi desigual e condicionado pola falta dunha folla de roteiro nacional.
Se algo quedou claro durante o encontro é que, sen unha planificación institucional decidida, será imposible lograr o cumprimento dos obxectivos europeos. Os relatores coincidiron en sinalar que o desenvolvemento deste tipo de infraestruturas non pode quedar a expensas das políticas locais.
Financiamento, fiscalidade e viabilidade
A sostibilidade económica do modelo tamén foi abordada durante o Summit. As plantas de valorización enerxética requiren investimentos significativos pero, ben planificadas, ofrecen rendibilidade e estabilidade a longo prazo.
Así o defendeu Sonia Muiña, directora xeral de Servizos Industriais de Valtalia Investments: “A valorización enerxética é agora mesmo a única vía real para lograr obxectivos como a vertedura técnica cero ou a transición enerxética. España debe apostar decididamente por esta tecnoloxía se quere cumprir cos compromisos europeos”.
A nivel técnico, o consenso foi unánime: a tecnoloxía está máis que preparada. Con todo, debemos seguir o modelo de países europeos nos que os cidadáns entenden perfectamente o seu beneficio e conviven con ela desde hai décadas.
Manifesto
O evento pechou coa presentación do primeiro manifesto a favor do impulso da valorización enerxética en España. Este documento, que foi presentado por Joaquín Pérez Viota, Presidente de AEVERSU, foi subscrito por máis de medio cento de entidades, que se sumaron á hora de solicitar un recoñecemento oficial ao papel estratéxico da valorización enerxética e a suspensión temporal do imposto a esta tecnoloxía.
Tal e como resumiu Pérez Viota: “É imprescindible que se leve a cabo a suspensión do imposto á valorización enerxética durante o tempo necesario para poder dotarnos da infraestrutura suficiente e dar resposta á necesidade de enerxía, que actualmente se está a desperdiciar con milleiros de residuos que acaban refugados. A valorización debe verse como colaboradora necesaria para a transición cara a unha economía circular”.
Pola súa banda, Belén Vázquez-Quevedo, secretaria xeral de Aeversu, fixo fincapé en que “a solución para o aproveitamento dos nosos residuos pasa pola unión de todas as solucións existentes ata o momento, desde a prevención, a reutilización, a reciclaxe e a valorización enerxética”.
Durante a xornada tamén tivo lugar o AEVERSU TECH, un espazo de diálogo onde se compartiron os últimos avances e tecnoloxías que están a marcar a evolución do sector.
Fonte e imaxe: Retema