- Co lema “Unha experiencia, moitas aprendizaxes”, a empresa dá un paso máis na súa firme aposta pola innovación, pretendendo ofrecer unha visión única da xestión sostible dos residuos urbanos en Galicia desde a máxima transparencia e o diálogo aberto cos seus grupos de interese
- Tanto o equipo educativo de Sogama como a persoa responsable de cada grupo visitante poderán evitar, ou polo menos minimizar, repetidas chamadas telefónicas, tempos de espera e preguntas ás que xa se dá resposta no propio aplicativo
Cerceda, 15 de setembro de 2026.- Coincidindo co inicio dun novo curso escolar, Sogama vén de poñer en marcha unha aplicación en liña a través da cal os colectivos interesados xa poden reservar a súa visita ao Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) nun só click, ademais de subir a documentación preceptiva e recibir avisos e confirmacións. Con isto a empresa pública quere axilizar toda a tramitación necesaria para acceder a unha infraestrutura industrial de grandes dimensións na que, dadas as súas especiais características, rexe unha normativa de prevención de riscos moi rigorosa.
Desta forma, tanto o equipo educativo de Sogama como a persoa responsable de cada grupo visitante poderán evitar, ou alomenos minimizar, repetidas chamadas telefónicas, tempos de espera e preguntas ás que xa se dá resposta no propio aplicativo.
Co lema “Unha experiencia, moitas aprendizaxes”, a Sociedade Galega do Medio Ambiente dá un paso máis na súa firme aposta pola innovación, pretendendo ofrecer unha visión única da xestión sostible dos residuos urbanos en Galicia a través dun programa no que prima a máxima transparencia e o diálogo aberto cos seus grupos de interese, facendo que cada unha das visitas a esta compañía pública sexa unha experiencia positiva de principio a fin.
Con carácter previo á solicitude de visita, os interesados poderán informarse na páxina web da Sociedade https://www.sogama.gal/visitas/ sobre os tipos de visitas contemplados no seu programa, o protocolo aa seguir e, de ser o caso, proceder á reserva da data que mellor se axuste ás súas necesidades.
Para isto deben cumprimir a solicitude inicial de prerreserva a través dun formulario en liña, a partir do cal solicitarase información complementaria como a listaxe de persoas integrantes do grupo, autorizacións, etc. Unha vez que o equipo educativo de Sogama reciba todos os datos requiridos, os responsables dos colectivos recibirán unha comunicación confirmando definitivamente a visita. Con iso, evítanse erros, á vez que se ofrecen maiores garantías e seguridade.
Máis de 91.000 visitantes
Cómpre lembrar que polas instalacións de Sogama pasaron preto de 91.000 visitantes de moi diferentes perfís e con distintos intereses, os cales cualificaron maioritariamente esta experiencia como altamente instrutiva, didáctica e enriquecedora.
A boa organización do programa, a modernidade das instalacións, a adopción de tecnoloxías punteiras, a transparencia, as atencións e os recursos educativos innovadores de apoio son, entre outros, algúns dos aspectos da entidade mellor valorados
Saúdos, Departamento de Comunicación