- Considera que ten potencial para xerar, en todo o mundo, ata 100 millóns de novos postos de traballo verdes para 2030
- Subliña que sectores como a reciclaxe, a reutilización, a reparación, a xestión avanzada de residuos, o ecodeseño e a valorización de materiais poderían experimentar un crecemento sen precedentes se os países adoptan políticas activas para impulsar a circularidade
Cerceda, 16 de decembro de 2025.-Tal e como se recolle no seu último informe, a Organización Internacional do Traballo (OIT) considera que a transición cara a unha economía circular e baixa en carbono podería converterse nun dos maiores motores de creación de emprego durante a próxima década, con potencial para xerar ata 100 millóns de novos postos de traballo verdes para 2030 en todo o mundo; un cambio estrutural que, a xuízo deste organismo, será decisivo para frear a crise climática e reducir o impacto ambiental derivado dos residuos e do uso masivo de materias primas.
A OIT subliña que sectores como a reciclaxe, a reutilización, a reparación, a xestión avanzada de residuos, o ecodeseño e a valorización de materiais poderían experimentar un crecemento sen precedentes se os países adoptan políticas activas para impulsar a circularidade. Estas actividades, non só reducen a presión sobre os recursos naturais, senón que tamén diminúen de maneira significativa as emisións asociadas á extracción, produción e transporte de materiais virxes.
Así mesmo, destaca o papel do sector de residuos como un dos eixos estratéxicos da transición ecolóxica. A xeneralización de modelos circulares permitiría evitar a produción de millóns de toneladas de residuos, especialmente plásticos, téxtiles, metais e aparellos electrónicos, á vez que impulsaría cadeas de valor baseadas na recuperación e o reuso.
Lembra tamén que a circularidade é clave para garantir o acceso sostible a materiais estratéxicos —como aluminio, cobre, terras raras ou polímeros técnicos— cuxa demanda se disparará nos próximos anos pola electrificación, a transición enerxética e o crecemento de tecnoloxías verdes.
Transición xusta
Aínda que o balance global é positivo, a OIT tamén advirte que a transición podería poñer en risco ata 78 millóns de empregos en sectores intensivos en carbono, en industrias extractivas ou en actividades baseadas en modelos lineais de produción e consumo. É por iso que insiste en que as políticas de economía circular deben aplicarse baixo un marco de transición xusta, con medidas de formación e recualificación profesional; protección social para os sectores vulnerables; apoio técnico e financeiro a empresas en reconversión; e creación de emprego verde de calidade e con garantías laborais.
Oportunidade
A OIT sinala igualmente que rexións como a Unión Europea atópanse nunha posición privilexiada para liderar a transformación, especialmente en ámbitos como a xestión de residuos urbanos, a valorización de materiais secundarios, a innovación en reciclaxe e a dixitalización de cadeas de subministración.
Transformar os residuos en recursos, prolongar a vida útil dos materiais e reducir o consumo de materias primas, pode impulsar un crecemento máis resiliente, menos contaminante e socialmente máis equitativo.
O informe conclúe que a economía circular non é unicamente unha estratexia ambiental, senón tamén un programa global de emprego verde e desenvolvemento económico sostible.
Fonte: Gestores de Residuos