
- No Día Internacional da Nai Terra, apela á mobilización e ao esforzo conxunto da poboación, xa que todos podemos actuar para protexer a natureza, combater o cambio climático e promover a harmonía co planeta
Cerceda, a 22 de abril de 2025.- Con motivo do Día Internacional da Nai Terra, que se celebra hoxe mesmo, Nacións Unidas alerta do perigo que axexa ao noso planeta debido a unha serie de fenómenos vinculados ao cambio climático. É o caso da calor extrema, a subida do nivel do mar, a acidificación dos océanos, a deforestación, o cambio de uso do solo, a perda de biodiversidade e a contaminación, entre outros, xa que poden acelerar o ritmo de destrución da Terra. É por isto que fai un chamamento á necesidade de acelerar a transición cara a unha economía máis sostible, tanto para as persoas como para o planeta, á vez que apela á mobilización e ao esforzo conxunto da poboación, xa que “todos podemos actuar para protexer a natureza, combater o cambio climático e promover a harmonía coa Terra”.
Neste sentido, a ONU destaca a necesidade de recuperar os ecosistemas do noso planeta, xa que sustentan todas as formas de vida, coa particularidade de que “da saúde destes depende directamente a saúde do noso planeta e os seus habitantes”, polo que restaurar aqueles que están danados axudará a acabar coa pobreza, a combater o cambio climático e previr unha extinción masiva.
Datos máis relevantes:
- Cada ano, o mundo perde 10 millóns de hectáreas de bosques; unha estensión similar a Islandia.
- Os ecosistemas sans axúdannos a protexernos das enfermidades porque a diversidade de especies fai máis difícil a propagación de patógenos.
- Ao redor dun millón de especies animais e plantas atópanse en perigo de extinción.
Fonte e imaxe: ONU