
- O obxectivo deste soporte divulgativo, atendido por educadores, é instruír aos cidadáns na correcta separación de residuos en orixe para posibilitar o seu posterior reciclado e, polo tanto, os seus beneficios para o medio ambiente, a saúde, a economía e a sociedade
- A campaña pon o foco nos denominados “impropios”, é dicir, naqueles refugallos que, por descoñecemento, erro ou falta de concienciación, non foron introducidos pola poboación no contedor axeitado, chegando a impedir a reciclaxe do resto de residuos correctamente depositados
Cerceda, ao 15 de xullo de 2025.- A aula itinerante da campaña de Sogama bautizada co lema “Separa. Depende de ti”, chegou onte ao Concello de San Sadurniño (A Coruña) para formar aos veciños na correcta selección de residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados para garantir o seu posterior reciclado.
Atendida por educadores especializados, a aula espertou especial interese entre os máis pequenos do municipio, xa que non só puideron mellorar a súa bagaxe na xestión sostible dos residuos a través da práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), senón que tamén tiveron a oportunidade de participar en xogos e facerse con diversos premios, unha vez superadas as probas de coñecemento.
A campaña presta especial atención aos refugallos coñecidos como “impropios”, é dicir, aqueles que, por descoñecemento, erro ou falta de concienciación, non son introducidos polo cidadán no contedor correspondente, chegando a limitar, e mesmo a impedir, a reciclaxe do resto de residuos correctamente depositados.
As explicacións proporcionadas polos monitores reforzáronse con gráficos recollidos en distintos paneis divulgativos, onde se mostran, dunha forma esquemática, os materiais que poden -e non poden- introducirse en cada contedor de recollida selectiva (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para vidro; contedor marrón, para materia orgánica; e xenérico, para fracción resto), sen esquecer a compostaxe doméstica, con gran presenza en San Sadurniño, e que permite ás familias autoxestionar os seus restos orgánicos e pechar o círculo de aproveitamento dos mesmos nas propias vivendas, toda vez que o compost obtido aplícanno posteriormente en xardíns, hortas e terras de cultivo como fertilizante natural.
Separar, o primeiro paso para reciclar
A aula xa circulou por 13 concellos das catro provincias galegas, axudando aos visitantes a clasificar correctamente os refugallos e a interiorizar os beneficios que este xesto ten para o medio ambiente, a economía, a saúde e a sociedade. Porque cando separamos previamente os residuos, propiciamos que estes se convertan en recursos cos que fabricar novos produtos, diminuíndo a necesidade de extraer materias primas virxes da natureza e contribuíndo á redución da contaminación, así como á creación de postos de traballo estables.
Pola contra, cando os residuos que xeramos cada día non se separan en orixe, complícase e retárdase o proceso de recuperación, xa que chegan contaminados ás plantas industriais, provocando unha perda significativa de materiais que, doutra forma, poderían converterse en recursos cun alto valor engadido, circunstancia que incrementa os custos de xestión.
Toda a información en https://www.sogama.gal/es/separa-depende-de-ti
Saúdos, Departamento de Comunicación