
- En 2023, a recadación por impostos ambientais alcanzou os 341.500 millóns de euros, un 2,1% máis que o ano anterior, pero o seu peso no PIB e nos ingresos fiscais totais segue en descenso
Cerceda, a 24 de xullo de 2025.- Segundo datos publicados por Eurostat, a Unión Europea recadou en 2023 un total de 341.500 millóns de euros en impostos ambientais, un 2,1 % máis que en 2022. Esta subida interanual, de 6.900 millóns de euros, mostra unha recuperación moderada en termos absolutos, pero non logra frear a tendencia descendente do seu peso relativo no conxunto da economía europea.
En concreto, a proporción dos impostos ambientais sobre o PIB da UE caeu do 2,4 % en 2010 ao 2,0 % en 2023, e o seu peso sobre os ingresos fiscais totais e as cotizacións sociais diminuíu do 6,3 % ao 5,1 % no mesmo período. Estes datos reflicten a necesidade de repensar o papel da fiscalidade ambiental dentro da política tributaria e climática da Unión.
Empresas e fogares, case a partes iguais
O informe desagrega tamén a procedencia destes ingresos. As empresas xeraron o 49,4 % do total dos impostos ambientais, cun reparto equilibradaoentre os sectores de industria, construción, minería e subministracións (23,6 %) e o sector servizos (25,8 %).
Por países, destacan Chequia (81,2 %), Estonia (80,3 %) e Romanía (79,1 %) coma os Estados onde as empresas asumen unha maior proporción do pago. No outro extremo sitúanse Austria (33,6 %), Luxemburgo (34,9 %) e Irlanda (38,0 %).
Os fogares contribuíron co 48,3 % do total, superando o 40 % en 15 Estados membros. En Irlanda, o peso dos fogares sobre os impostos verdes alcanzou o 60,3 %, a cifra máis alta rexistrada.
Nun número reducido de países, os non residentes xogaron un papel significativo na recadación ambiental. É o caso de Luxemburgo, onde o 48,7 % dos ingresos procederon deste colectivo, moi por riba de Malta (17,4 %) e Austria (14,1 %).
Estes datos ofrecen unha radiografía detallada do reparto da fiscalidade ambiental en Europa e apuntan a unha falta de aliñación entre a presión fiscal ambiental e os obxectivos do Pacto Verde Europeo, que reclama unha maior internalización dos custos ambientais.
Fonte: Eurostat