
- Tivo lugar o pasado venres, 4 de xullo, na Casa da Cultura do Concello, procedendo ao reparto dos máis de 40 composteiros achegados por Sogama, así como cubos específicos para a materia orgánica e manuais didácticos de apoio
Cerceda, a 9 de xullo de 2025.- Os veciños do Concello da Baña (A Coruña) recibiron o pasado venres, 4 de xullo, nas dependencias da Casa da Cultura, un curso de formación presencial, impartido por técnicos de Sogama, cuxo obxectivo era instruílos na autoxestión da materia orgánica e explicarlles a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade. Tamén serviu para resolver todas as súas dúbidas en relación ao sistema de recollida selectiva de residuos en xeral, e proceder ao reparto da nova partida de composteiros entregada pola empresa pública ao ente local, conformada por máis de 40 recipientes con capacidade para 390-400 litros.
Para participar no programa de compostaxe doméstica, é necesario que os usuarios habiten nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante, un abono natural con interesantes propiedades fertilizantes para o solo, servindo tamén como elemento protector do mesmo fronte a pragas e enfermidades.
Dado que os restos orgánicos representan, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, da orde do 40%, a autocompostaxe permite que esta porcentaxe quede na propia vivenda para a súa valorización, diminuíndo desta forma a cantidade de refugallos a depositar no contedor da rúa. Todo isto redunda en beneficios, pois, máis aló dos propiamente ambientais, o Concello ten a oportunidade de reducir custos derivados da menor frecuencia de recollida e as menores cantidades de residuos remitidos á planta de Sogama para o seu tratamento final, véndose minorado o importe das facturas a pagar a esta empresa pública.
Durante o curso, explicouse, dunha forma práctica, como montar o composteiro, o mellor lugar para situalo (fóra da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descomponedores), a relación de materiais a depositar no mesmo e o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os participantes tamén recibiron un cubo doméstico para transportar a materia orgánica desde a vivenda ao composteiros, así como un manual didáctico de apoio no que se explica, de forma pormenorizada, os pasos a seguir, dando resposta igualmente ás preguntas máis frecuentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación