
- Explicóuselles o labor desta empresa pública e tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual e a pé polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura, con sede en Cerceda (A Coruña), onde se centralizan os residuos municipais procedentes de 295 concellos
Cerceda, a 4 de xullo de 2025.- Un grupo de participantes no obradoiro de emprego “Coidando Miñor IV”, promovido polo Concello de Gondomar, xunto cos de Baiona e Nigrán (Pontevedra), visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde recibiron unha clase formativa en xestión sostible de residuos, que se complementou cun itinerario virtual, sendo equipados para isto con lentes inmersivas 360º, e con outro guiado a pé polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura a fin de que puidesen comprobar por si mesmos a actividade desenvolvida na mesma.
Desta forma, tiveron a oportunidade de coñecer, de primeira man, a operativa da planta de clasificación de envases lixeiros, onde se reciben os materiais depositados no contedor amarelo para ser seleccionados por tipoloxías e remitidos aos centros recicladores, así como as instalacións que conforman o tratamento do residuo convencional, prestando especial atención á planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa, onde, mediante tecnoloxía 4.0, a empresa consegue clasificar aqueles residuos reciclables que, por erro, foron depositados no contedor xenérico, procedendo a elaborar un combustible CDR coa parte non reciclable para a súa posterior valorización enerxética.
Os integrantes do grupo mostráronse en todo momento moi participativos e con gran interese en coñecer polo miúdo o funcionamento das instalacións nas que se trata o lixo producido por 295 concellos, prestando especial atención á maquinaria e tecnoloxía utilizada para a clasificación automática daqueles refugallos susceptibles de ser reciclados e que, por erro, foron depositados en orixe no contedor xenérico, cando o seu destino debería ser outro contedor de recollida selectiva.
Recreáronse no laboratorio da planta termoeléctrica, xa que nestes momentos tamén están a recibir formación en procesos de control de calidade da auga das depuradoras.
Amosáronse sorprendidos polo consumo desorbitado de envases e envoltorios por parte de fabricantes e cidadáns, conscientes de que incrementan de forma considerable o volume de residuos a tratar, e convencidos de que a prevención constitúe a pedra angular da súa correcta xestión.
Saúdos, Departamento de Comunicación