
- Esta actividade enmárcase no programa de sensibilización ambiental activado pola propia compañía e dirixido ao seu persoal
- Con sedes en España, Portugal e Reino Unido, o labor desta empresa multiservicios, integrada por máis de 75.000 persoas, diríxese ao ámbito dos servizos públicos en materia de educación, integración social, loxística, seguridade, certificación enerxética, e sostibilidade e protección da contorna
Cerceda, a 8 de xullo de 2025.- Persoal das Delegacións da Coruña e Vigo da empresa multiservicios CLECE, con presenza en España, Portugal e Reino Unido, e da que forman parte máis de 75.000 empregados, visitou recentemente, no marco dun programa de sensibilización ambiental activado pola propia compañía, o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer o seu labor e operativa industrial, así coma os seus programas educativos e estratexia de comunicación ambiental.
Ademais de prestar servizos públicos vinculados á integración social, a educación, a calidade de vida e o benestar das persoas, CLECE tamén estende o seu desempeño á seguridade, loxística, certificación enerxética de edificios, así como ao coidado e protección da contorna, sendo consciente da importancia que, neste sentido, teñen os sistemas de limpeza e xestión sostible de residuos municipais.
A través dun percorrido virtual con lentes inmersivas 360º, complementado con outro guiado a pé polas instalacións que conforman o complexo cercedense, os integrantes do grupo tiveron a oportunidade de constatar o circuíto de tratamento que seguen os residuos desde que entran na infraestrutura industrial de Sogama ata que saen da mesma convertidos en recursos, ben en balas de materiais clasificados por tipoloxías con destino aos centros recicladores para ser convertidos en novos produtos, ben en enerxía eléctrica producida a parte da fracción non reciclable, evitando deste xeito que acabe en vertedoiro, a opción máis perniciosa e contaminante para o medio ambiente e a saúde pública.
A través dun coloquio final mantido co grupo como peche de xornada, puidose constatar a súa alta preocupación pola correcta xestión dos refugallos e o traballo previo do cidadán a través da prevención e o consumo responsable, a reutilización dos artigos para alongar a súa vida útil e a activa participación nos programas de recollida selectiva, depositando cada material no contedor correspondente para garantir o seu posterior reciclado.
Saúdos, Departamento de Comunicación