 
- Un novo informe conxunto do PNUD e a Universidade de Oxford sinala que a calor extrema, a contaminación atmosférica, as inundacións e as secas son os riscos máis comúns que afectan aos máis pobres, que se enfrontan a miúdo, e de forma simultánea, a múltiples desafíos ambientais
Cerceda, 29 de outubro de 2025.- Preto do 80% das persoas máis pobres do mundo -uns 887 millóns- viven en rexións expostas a calor extrema, inundacións e outros riscos climáticos, o que pon de relevo a urxente necesidade dunha acción global para abordar este problema.
Ao superpoñer por primeira vez os datos sobre riscos climáticos con datos multidimensionais sobre pobreza, un informe conxunto do PNUD e a Universidade de Oxford destaca como a crise climática está a transformar a pobreza global, que “xa non é un problema socioeconómico illado, senón que se ve agravado e vinculado aos efectos cada vez máis dramáticos da emerxencia climática”.
A nivel mundial, 1.100 millóns de persoas viven en pobreza multidimensional -un índice que ten en conta a saúde, a educación e o nivel de vida-, e 887 millóns están directamente expostas a, alomenos, un risco climático. O informe detalla que 651 millóns de persoas padecen dúas ou máis crises climáticas, mentres que 309 millóns viven en rexións que enfrontan tres ou catro crises climáticas simultaneamente.
Asia meridional e África subsahariana concentran o maior número de persoas pobres que viven en rexións afectadas por riscos climáticos, con 380 millóns e 344 millóns respectivamente.
Estímase que uns 548 millóns de persoas pobres en países de ingresos medios baixos están expostas a, alomenos, un risco climático, e máis de 470 millóns enfróntanse a dous ou máis.
O informe de Índice de Pobreza Multidimensional (IPM) Global tamén prevé que os países con maiores niveis de pobreza multidimensional experimenten os maiores aumentos de temperatura para finais de século.
Neste contexto, chámase a aliñar a redución da pobreza, a mitigación e adaptación climática, e a restauración dos ecosistemas para beneficiar tanto ás persoas como ao planeta.
Fonte: ONU
Imaxe: Freepik
