
- Á redución, reutilización e reciclaxe, deben sumarse a planificación, a organización, as compras responsables e o transporte sen emisións
- Con isto, ademais do aforro ambiental, as familias reducirán o desembolso económico que supón equipar aos pequenos
Cerceda, a 5 de setembro de 2025.- Se ben a volta ao cole é un dos momentos máis esperados polos pequenos da casa logo das vacacións de verán, o certo é que tamén supón un trastorno para as familias. O regreso á rutina esixe axustar horarios, modificar hábitos, estar máis pendentes do reloxo e volver ás xornadas maratonianas repletas de actividades e obrigacións. Por se fose pouco, o considerable desembolso económico que require equipar aos escolares, constitúe outro dos grandes desafíos.
Así as cousas, convén poñer en práctica algúns consellos e recomendacións para que esta época resulte máis liviá para o medio ambiente e menos custosa para os petos.
1.- Planificar e organizar
Revisar que materiais (mochilas, estoxos, libros, roupa) se poden aproveitar do curso anterior e cales se poden reacondicionar, de tal forma que se adquira unicamente o que se precise.
2.- Segunda man
O intercambio de libros, uniformes e material con outras familias pode ser unha boa solución para cubrir necesidades, do mesmo xeito que a adquisición de produtos de segunda man.
3.- Compra responsable
Cando a única opción sexa comprar, mellor dar preferencia a materiais eco-friendly, é dicir, a artigos que conten con certificados ambientais, feitos de papel reciclado, madeira certificada ou algodón orgánico, e priorizar a calidade e a durabilidade. Mellor poucos produtos bos que moitos baratos e refugables.
4.- Recreos sen plástico
Evitar os produtos de usar e tirar e apostar por fiambreiras de cristal ou de aceiro inoxidable, botellas reutilizables tipo cantimplora e bolsas de tea.
5. Transporte sen emisións
De non haber grandes distancias entre o domicilio familiar e o centro educativo, desprazarse camiñando ou en bicicleta é a mellor opción, ademais de saudable. En caso contrario, mellor elixir o transporte público ou ben o coche particular compartido.
6.- Tres erres
A redución, a reutilización e a reciclaxe deben estar presentes na escola e no fogar, de tal forma que haxa coherencia nas boas prácticas en ambos os dous ámbitos para que todo resulte máis sinxelo para os escolares.
Saúdos, Departamento de Comunicación