
- A resiliencia urbana fai referencia á capacidade das urbes de responder e recuperarse de sucesos ou desastres inesperados.
- Para atopar formas prácticas de mellorar esa resiliencia, o proxecto europeo RESCCUE estivo traballando en tres cidades diferentes, seleccionadas pola súa representatividade da diversidade europea en termos de clima e características da urbe: Barcelona, Lisboa e Bristol.
- Este proxecto diferénciase doutras iniciativas de resiliencia urbana debido a que contempla un estudo integrado de sistemas urbanos tan diversos como a auga, o alcantarillado, a electricidade, os residuos ou as telecomunicacións, mellorando así a súa capacidade de extrapolación a outras cidades do mundo.
Cerceda, a 16 de novembro de 2020.- O 54% da poboación mundial vive en cidades, unha porcentaxe que se estima chegará ao 66% en 2050. Oito das dez urbes máis poboadas do planeta son vulnerables aos terremotos, e seis delas están en risco de inundacións, marexadas ciclónicas e tsunamis. De aí a importancia do concepto de resiliencia urbana, que fai referencia á capacidade das cidades de recuperarse de sucesos ou desastres inesperados, resultando clave para deseñar ferramentas que permitan responder axeitadamente ás consecuencias do quecemento global.
Esta foi a temática central da conferencia virtual "Resiliencia urbana nun contexto de cambio climático", na que aportaron os seus coñecementos máis de 100 expertos de administracións públicas, organizacións internacionais e empresas privadas, contando coa participación de máis de 600 persoas.
O evento dá continuidade ao proxecto europeo RESCCUE (acrónimo en inglés de Cidades Resilientes Contra o Cambio Climático), que durante os últimos catro anos reuniu a empresas, concellos, centros de investigación e universidades para proporcionar unha serie de ferramentas e metodoloxías de resiliencia urbana a poñer en práctica noutras cidades.
ESTUDO DE TRES CIDADES TIPO
Para atopar formas prácticas de mellorar esa resiliencia, RESCCUE estivo traballando en tres urbes diferentes, seleccionadas pola súa representatividade da diversidade europea en termos de tipo de clima e características: Barcelona, Lisboa e Bristol.
O obxectivo de ter tres cidades como plataforma de validación e primeira aplicación dos resultados de RESCCUE, garantirá que o produto final estea completo e sobre todo asegurará a súa máxima replicabilidade cando finalice o proxecto.
Ademais, o feito de que esta iniciativa se diferencie doutras de resiliencia urbana a través dun estudo integrado de sistemas urbanos tan diversos como a auga, o alcantarillado, a electricidade, os residuos ou as telecomunicacións, mellora a súa capacidade de extrapolación a outras cidades do mundo.
Unha das grandes achegas do proxecto RESCCUE é o gran volume de datos que se recolleron sobre as consecuencias das inundacións en zonas urbanas, o que permite enfocar a prevención e a reconstrucción con coñecemento de causa.
A información recompilada mostra que as tecnoloxías intelixentes para urxencias, como é o caso das inundacións, contribúen significativamente á resposta oportuna e reducen o número de persoas afectadas ou mortas durante situacións de desastre.
Neste sentido, innovacións como o big data ou o intercambio de datos na nube, tamén axudan na recuperación da cidade tralo desastre, identificando prioridades de investimento e reutilizando casos de éxito para aplicalos en novos contextos.
Outro punto que abordaron os expertos nesta conferencia é o necesario enfoque holístico e multisectorial da resiliencia nas cidades. RESCCUE é un gran exemplo desta estratexia de traballo en equipo: as universidades e centros de investigación desenvolven novas metodoloxías e ferramentas que logo se implementan cos datos de empresas privadas para, despois, aportar información que poida mellorar os plans de resiliencia.
Fonte: Xestores de Residuos
Imaxe: Pixabay