
- A instalación da Rúa (Ourense) non se viu afectada polos incendios e abriu hoxe para dar servizo aos concellos adscritos á mesma
Cerceda, a 18 de agosto de 2025.- A planta de transferencia de Sogama na Rúa (Ourense) non se viu afectada polo lume e abriu no día de hoxe para atender aos concellos adscritos á mesma. Unha vez finalicen as descargas, a instalación pechará para evitar que o persoal que a opera estea exposto á sobrecarga de fume que hai nas inmediacións.
Debido a que moitas localidades non efectuaron a recollida municipal durante a pasada fin de semana e festivo, as entregas de lixo na rede de plantas de transferencia incrementáronse este luns de forma exponencial, polo que a presión é moi superior á de días pasados. Non obstante, a compañía pública, tendo en conta este particular, fixo a súa planificación e adoptou as medidas de prevención necesarias. Nestes momentos, as plantas de transferencia distribuidas polo conxunto da comunidade galega, e que se atopan baixo a súa titularidade, están operando sen incidencias, e sempre en plena coordinación cos entes locais e empresas de recollida de lixo.
Sogama agradece o esforzo que están a facer os traballadores, especialmente os do servizo de transferencia e transporte por estrada, así coma os dos concellos, recollida municipal e limpeza viaria, ante unha situación tan difícil como a que se está a vivir, pero tamén lles pide que, baixo ningún concepto, poñan en risco a súa integridade física e saúde.