
- Impulsado pola Xunta de Galicia e Viratec, o obxectivo do programa BF é precisamente desenvolver novas tecnoloxías que impacten de forma positiva no clima e o medio ambiente, e servir de apoio a proxectos de emprendemento para propiciar a súa conversión en empresas de valor que sexan transformadoras, viables e escalables
- Sogama, que é unha das compañías tractoras, quere potenciar o liderado de Galicia no sector téxtil, buscando para isto proxectos innovadores que respondan ao desafío que supón recuperar material téxtil da fracción resto (bolsa negra)
Cerceda, 15 de outubro de 2025.- Representantes de proxectos que participan no programa Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia, realizaron unha visita guiada ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer in situ a súa operativa, as tecnoloxías aplicadas para maximizar a recuperación de materiais destinados a reciclaxe, e aquelas coas que a entidade consegue reducir emisións, logrando que todos os parámetros se sitúen moi por baixo dos límites legais.
A través dun percorrido inmersivo 360º, e outro complementario a pé, os integrantes do grupo puideron ver con todo detalle o funcionamento das distintas plantas que integran a infraestrutura cercedense e polas que discorre o residuo para ser tratado e convertido en recurso, ben mediante a súa clasificación e envío aos centros recicladores, ou ben mediante a súa conversión en enerxía eléctrica, no caso dos refugallos non reciclables.
Sobre BF ClimaTech
Impulsado pola Xunta de Galicia e Viratec (Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular), o obxectivo deste programa, no que participan compañías do sector, ademais de centros de coñecemento e entidades de investimento, é precisamente desenvolver novas propostas e tecnoloxías que impacten de forma positiva no clima e o medio ambiente, e servir de apoio a proxectos de emprendemento innovador, propiciando a súa conversión en empresas de valor que sexan transformadoras, viables e escalables.
O programa contempla unha serie de fases e itinerarios. O de Incubación, que se dirixe a proxectos que teñan a necesidade de definir a súa proposta de valor, sexa un produto ou servizo; o de Aceleración, destinado a proxectos con necesidade de xerar un produto ou servizo mínimo viable e de confirmar a súa proposta de valor cunha primeira venda ou caso de éxito; e o itinerario de Consolidación, reservado para proxectos que necesiten sistematizar o seu modelo e acrecentar a súa capacidade de xeración de valor en termos de negocio e económico-financeiros.
Así mesmo, o programa contempla unha serie de retos, 7 concretamente, que expresan as necesidades de innovación e emprendemento do sector en Galicia: (1) Circularidade e descarbonización do sector primario: forestal, agrario, gandeiro e pesqueiro; (2) Circularidade e descarbonización das materias primas e a industria; (3) Circularidade e sostibilidade dos usos da auga; (4) Téxtil circular; (5) Construción con cero emisións e circular; (6) Cara a comunidades e cidades sostibles e circulares; (7) Dixitalización ao servizo da sostibilidade ambiental.
Desafío Sogama
A Sociedade Galega do Medio Ambiente, que é unha das empresas tractoras da BF, quere potenciar, no marco do reto 4, o liderado de Galicia no sector téxtil, buscando para isto proxectos innovadores que respondan ao desafío que supón recuperar material téxtil da fracción resto (bolsa negra), e que precisamente está ligado aos dous principais valores desta empresa pública: por unha banda, a sostibilidade e, por outra, a súa contribución aos retos globais da comunidade.
Trataríase dun proxecto con importantes beneficios ambientais, reducindo as cantidades de residuos enviadas a vertedoiro e minimizando ao mesmo tempo o consumo de recursos naturais; tamén económicos, ao xerar emprego e dinamizar o tecido empresarial, erixíndose en motor de innovación e impulso para a competitividade e a economía circular; e sociais, xa que crearía postos de traballo a escala local, dando prioridade a persoas con discapacidade e en risco de exclusión.
Saúdos, Departamento de Comunicación