- Introduce a responsabilidade ampliada do produtor no sector téxtil e fixa obxectivos vinculantes de redución do desperdicio alimentario para 2030
Cerceda, 20 de outubro de 2025.- A revisión dirixida da Directiva Marco de Residuos entrou en vigor na Unión Europea o pasado 16 de outubro co obxectivo de reforzar a economía circular, reducir a xeración de residuos e fomentar a innovación en prácticas sostibles.
A nova normativa establece regras comúns de responsabilidade ampliada do produtor (RAP) para os produtos téxtiles e fixa por primeira vez obxectivos vinculantes de redución do desperdicio alimentario en todos os Estados membros.
Cara a unha xestión sostible do téxtil
Se ben o sector téxtil e da moda é un motor económico de primeira orde na UE —xerou 170.000 millóns de euros de facturación en 2023 e emprega a 1,3 millóns de persoas en case 200.000 empresas—, o certo é que tamén representa un dos ámbitos de consumo con maior impacto ambiental, especialmente no uso de auga, solo e materias primas.
Cada ano, na UE xéranse ao redor de 12,6 millóns de toneladas de residuos téxtiles, dos cales só unha quinta parte se recolle de forma separada para a súa reutilización ou reciclaxe. A nova directiva busca reverter esta tendencia mediante dúas medidas clave:
- Implantación obrigatoria de esquemas de responsabilidade ampliada do produtor para produtos téxtiles e de calzado. As empresas deberán pagar unha taxa por cada artigo posto no mercado, destinada a financiar a súa recollida, clasificación, reutilización e reciclaxe.
- Modulación ecolóxica de taxas (eco-modulation): as cotas axustaranse en función de criterios de sostibilidade tales como a durabilidade ou a reciclabilidade, de acordo co Regulamento de Ecodeseño para Produtos Sostibles. Deste xeito, os produtores estarán incentivados a deseñar téxtiles máis circulares e respectuosos co medio ambiente.
Así mesmo, todos os téxtiles recollidos separadamente consideraranse residuos, o que garantirá un control uniforme nos Estados membros e evitará exportacións fraudulentas de residuos etiquetafod como “reutilizables”.
Obxectivos vinculantes para reducir o desperdicio alimentario
A nova normativa establece metas concretas neste ámbito: os Estados membros deberán reducir o desperdicio alimentario nun 10 % nos sectores de procesamento e fabricación, e nun 30 % per cápita nos niveis de venda minorista e consumo —incluíndo restaurantes, servizos de comida e fogares— antes de 2030.
Para logralo, os países deberán actualizar os seus programas de prevención do desperdicio, promovendo a innovación tecnolóxica, a concienciación cidadá e a cooperación na cadea alimentaria.
A directiva tamén reforza as medidas de doazón de alimentos, obrigando ás empresas a ofrecer acordos con bancos de alimentos e organizacións de redistribución.
A Comisión Europea realizará unha revisión en 2027 para avaliar os avances, analizar as causas estruturais das perdas alimentarias e, no seu caso, axustar os obxectivos ou fixar novas metas máis aló de 2030.
Aplicación e próximos pasos
Os Estados membros disporán de 20 meses para transpoñer a directiva á súa lexislación nacional e 30 meses para crear os sistemas RAP para téxtiles e calzado. Ademais, deberán designar autoridades competentes para coordinar as medidas de prevención do desperdicio alimentario antes do 17 de xaneiro de 2026, e adaptar os seus programas nacionais como moi tarde o 17 de outubro de 2027.
A revisión responde ao compromiso da Estratexia de Téxtiles Circulares e Sostibles da UE, e reforza o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 12.3 sobre redución do desperdicio alimentario. Tamén protexe ás empresas de economía social dedicadas á recollida e xestión de téxtiles de segunda man, que estarán exentas das obrigacións RAP e poderán seguir operando os seus propios sistemas de recollida.
Fonte: CE
Imaxe: Freepik