
- Impartíronse dúas sesións nas que participaron alumnos/as con diferentes niveis cognitivos, moitos deles pertencentes á área de xardinería e forestal
Cerceda, 1 de outubro de 2025.- O Colexio Público de Educación Especial “Manuel López Navalón” de Santiago de Compostela, recibiu esta semana a visita de monitores de Sogama, que se encargaron de impartir formación específica sobre a recollida selectiva de residuos e posterior reciclaxe, e tamén sobre a autogestión da materia orgánica.
Dúas sesións nas que participaron preto de 60 estudantes con diferentes niveis cognitivos, así como 4 profesionais do centro. Durante a primeira, orientada ao alumnado de xardinería e forestal, constatouse o amplo coñecemento dos participantes sobre os distintos métodos de elaboración de compost e explicóuselles como facer un correcto seguimento do proceso de compostaxe doméstica, incidindo na importancia dos tempos e do necesario control que debe realizarse de distintos parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Aínda que están afeitos a traballar con pilas de compost, recoñeceron a utilidade dos composteiros subministrados por Sogama, xa que dotan de maior eficiencia ao proceso, ademais de facelo máis cómodo e hixiénico.
Durante a segunda charla, o persoal de Sogama, co apoio de recursos tales como xogos e presentacións, puxo o foco na correcta separación de residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva para propiciar a súa recuperación e reciclaxe. Desta forma, o alumnado tivo ocasión de reforzar a súa bagaxe na materia e corrixir algúns dos erros cometidos con asiduidade, á vez que tomaron conciencia da gran importancia que ten a reciclaxe para o aforro, tanto ambiental como económico.
Como complemento á compostaxe e á reciclaxe, explicóuselles o labor de Sogama en Galicia e a súa achega adicional á regra dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) mediante a recuperación enerxética da parte non reciclable, que converte en electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos, relegando a vertedura a último lugar polo seu elevado grao de contaminación.
Saúdos, Departamento de Comunicación