
- Esta cifra equivale a máis de 27 millóns de pneumáticos de turismo, cos que se poderían construír ao redor de 1.139 circuítos do tamaño do de Xerez
- Do total recollido, un 12,5% destinouse a preparación para a súa reutilización, o 48,5% reciclouse e o 39% restante valorizouse enerxeticamente
Cerceda, a 30 de xullo de 2025.- SIGNUS, o sistema colectivo para a xestión de pneumáticos fóra de uso, xestionou en 2024 un total de 222.406 toneladas. Tendo en conta que o peso medio dun pneumático de turismo é de 8,1 kg, esta cifra equivalería a 27.337.351 pneumáticos, cos que se poderían construír ao redor de 1.139 circuítos do tamaño do de Xerez.
Do total recollido, un de cada oito pneumáticos (12,5%) destinouse á preparación para a súa reutilización como pneumático de segunda man ou recauchutado; case a metade (48,5%) reciclouse, transformándose en produtos destinados a diferentes aplicacións; e o 39% restante valorizouse enerxeticamente, maioritariamente como substituto de combustibles fósiles.
Entre os principais usos aos que se destinou o material obtido do pneumático ao final da súa vida útil, cabe sinalar as máis de 25.000 toneladas para a instalación de preto de 260 campos de fútbol, as 19.000 toneladas para a construción de 3.900 parques infantís e as 3.700 que se incorporaron a 350 km de estradas, entre outros.
Tamén destaca a incorporación de novas tecnoloxías de tratamento de pneumáticos, coma o proceso de pirólisis, co que se obteñen novas materias primas secundarias, isto é, o negro de carbono recuperado e o aceite pirolítico.
Na procura de solucións
Tanto a tecnoloxía de pirólisis coma o desenvolvemento de mesturas bituminosas con caucho procedente de pneumáticos usados para o seu uso en rúas e estradas, centran a atención de SIGNUS, ante o inminente reto de buscar alternativas á principal aplicación do caucho reciclado como recheo nos campos de céspede artificial, que supón ao redor do 50% do caucho reciclado que se produce anualmente.
Outubro de 2031 é a data establecida pola Comisión Europea para prohibir a comercialización do material de recheo polimérico de tamaño inferior a 5 mm, ao entrar dentro da definición de microplástico debido ao tamaño e composición das partículas de caucho reciclado.
Fonte e imaxe: SIGNUS