- O seu destino debe ser o cubo de lixo convencional (bolsa negra), nunca o punto SIGRE situado nas farmacias, no que só deben depositarse os medicamentos caducados e os envases baleiros ou con restos de medicamentos non utilizados
Cerceda, 4 de decembro de 2025.- España entrou oficialmente en fase epidémica de gripe, cunha taxa de 40,1 casos por 100.000 habitantes na última semana, segundo os últimos informes publicados polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). A nova cepa subclade K do virus A(H3N2) –unha variante máis contaxiosa que circula por Europa e atopa menor inmunidade poboacional–, adiantouse un mes respecto do habitual, cun pico previsto entre mediados e finais de decembro. Ademais, este repunte coincide no tempo con outras infeccións respiratorias (COVID-19 e Virus Respiratorio Sincitial (VRS)).
O incremento de contaxios ocasiona que cada vez máis cidadáns acudan ás farmacias, onde un profesional sanitario recomendaralles un test co que saír de dúbidas e algún medicamento para combater os molestos síntomas causados por estes virus respiratorios. Tamén poden adquirir máscaras para facer fronte a esta epidemia estacional e protexer así tanto a súa saúde como a do resto da poboación.
Neste sentido, SIGRE especifica que os test de autodiagnóstico ou as máscaras non se deben depositar nos contedores brancos que se atopan nas propias farmacias, senón que o seu destino debe ser o cubo do lixo normal ou fracción resto (bolsa negra), onde van os residuos que non poden ser reciclados. Con todo, destaca que os envases onde veñen os test ou as máscaras, si deberán depositarse no contedor de recollida selectiva de envases correspondente: azul para as caixas de cartón, amarelo para as bolsas de plástico, etc.
Igualmente, SIGRE advirte sobre o mal uso dos antibióticos, lembrando que axudan a tratar infeccións causadas por bacterias, pero non curan as infeccións por virus como a gripe ou o arrefriado. Ademais, o uso incorrecto dos antibióticos pode facer que as bacterias se volvan resistentes fronte a futuros tratamentos. En 2023, 24.582 persoas faleceron en España por mor de bacterias multirresistentes, segundo os últimos datos da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía (SEIMC).
Fonte e imaxe: SIGRE